Prefixo telefónico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un prefixo telefónico (tamén chamado indicativo telefónico) é unha sucesión numérica que se marca diante do número de usuario ao realizar unha chamada telefónica, co propósito de seleccionar a demarcación territorial lóxica á que pertence devandito usuario.

Estas demarcacións lóxicas que os prefixos telefónicos designan, poden corresponderse con divisións xeográficas da rede telefónica, ou ben con certos servizos especiais, como os números intelixentes ou a rede de telefonía móbil.

Tipos de prefixos[editar | editar a fonte]

Existen indicativos telefónicos que denotan o país ao que se chama; estes indicativos están regulados pola Unión Internacional de Telecomunicacións. Con todo, é competencia de cada país o modo en que distribúe os prefixos telefónicos correspondentes ás zonas xeográficas do mesmo. Como consecuencia, existen varios tipos de prefixos.

  • De lonxitude fixa: p.ex. 3 cifras en Estados Unidos ou unha cifra en Australia.
  • De lonxitude variábel: p.ex. entre 2 e 5 cifras en Alemaña e Austria; entre 1 e 3 cifras en Xapón; 1 ou 2 cifras en Israel ou entre 2 e 4 cifras en Arxentina.
  • Existen redes onde os prefixos telefónicos van incluídos no número do usuario; é o caso de países como España ou Noruega. Isto coñécese como plan de numeración pechado. Nalgúns casos aínda é necesario pulsar un código de acceso á rede (xeralmente 0), como en Bélxica, Suíza ou Sudáfrica.

En moitos casos, os indicativos telefónicos determinan o custo da chamada. Por exemplo, en España as chamadas a números co indicativo 900 son pagadas integramente polo receptor da chamada, mentres que as chamadas a números cos prefixos 803 ou 806 teñen un prezo especialmente alto. Xeralmente, as chamadas entre números co mesmo prefixo telefónico adoitan ser máis baratas que as chamadas a números de diferente prefixo; con todo, non é así nalgúns países, nos cales o prezo da chamada non depende do indicativo rexional (como en Israel ou en Uruguai).

Plans de marcación abertos[editar | editar a fonte]

Un plan de marcación aberto é aquel en que as chamadas locais e as de longa distancia non se efectúan de igual modo. Isto implica que para facer unha chamada local non é necesario marcar o prefixo telefónico, mentres que si se necesita para chamadas fóra da área do prefixo. Este prefixo vai precedido do código de acceso á rede (xeralmente "0"), que se omite cando se chama desde fóra do país. Por exemplo, para chamar a un número en Amsterdam, nos Países Baixos, fariámolo do seguinte modo:

*xxx xxxx (dende dentro da área de Amsterdam, non fai falta prefixo)
*020 xxx xxxx (dende fóra da área de Amsterdam)
*31 20 xxx xxxx (dende fóra dos Países Baixos)

En Estados Unidos, Canadá e outros territorios dentro do Plan de Numeración Norteamericano (NANP), o código de acceso á rede é '1', que casualmente é tamén o prefixo telefónico internacional. Para chamar a un número en San Francisco, obrariamos do seguinte modo:

*xxx xxxx (dende dentro da área de San Francisco)
*1 415 xxx xxxx (dende fóra da área de San Francisco)
*415 xxx xxxx (teléfonos móbiles dentro do NANP)
*1 415 xxx xxxx (dende territorios de fóra do NANP)

Non se debe confundir un plan de numeración aberto ou pechado cun plan de marcación aberto ou pechado. Un plan de numeración pechado, como o de América do Norte, caracterízase por ter prefixos telefónicos e números de usuario dunha lonxitude fixa. Nun plan de numeración aberto os prefixos telefónicos ou os números de usuario teñen unha lonxitude variable, debido a que non foron estandarizados. Non adoita atoparse un plan de marcación pechado onde hai un plan de numeración aberto. Os plans de numeración nacional de cada país poden ser consultados na web da ITU.

Plans de marcación pechados[editar | editar a fonte]

Un plan de marcación pechado é aquel en que o número de usuario ten unha lonxitude fixa. Adoita ser usual en países pequenos onde non son necesarios prefixos rexionais. Con todo, hai países grandes onde se implantou un plan de marcación pechado, debido a que permite repartir máis números de usuario sen aumentar a lonxitude dos mesmos. Isto fai obsoleta a utilización dun código de acceso á rede. Por exemplo, para chamar a Oslo en Noruega antes de 1992, habíase de marcar:

*xxx xxx (dende dentro da área de Oslo)
*02 xxx xxx (dende fóra da área de Oslo)
*47 2 xxx xxx (dende fóra de Noruega)

En 1992 cambiouse a un plan de marcación pechado de oito cifras, do seguinte modo:

*22xx xxxx (dende dentro de Noruega, incluíndo Oslo)
*47 22xx xxxx (dende fóra de Noruega)

Noutros países, como Francia, Bélxica, Suíza ou Sudáfrica, fai falta marcar o código de acceso á rede ante o número de usuario para as chamadas dentro do país, xa sexan locais ou de longa distancia:

*París 01 xxxx xxxx (dende fóra de Francia 33 1 xxxx xxxx)
*Bruxelas 02 xxx xxxx (dende fóra de Bélxica 32 2 xxx xxxx)
*Xenebra 022 xxx xxxx (dende fóra de Suíza 41 22 xxx xxxx)
*Cidade do Cabo 021 xxx xxxx (dende fóra de Sudáfrica 27 21 xxx xxxx)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]