Praza Pública

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Praza pública")
Praza Pública
O xornal da Galicia que vén
Tipo Dixital
Fundación 1 de febreiro de 2012
Empresa editora Fundación Praza Pública
Director David Lombao
Tendencia Progresista
Lingua galego
Localidade A Coruña
Ámbito Galicia
Na rede
Web
Twitter @prazapublica
Facebook

Praza Pública é un xornal dixital en galego que comezou a editarse o 1 de febreiro de 2012[1]. Actualmente é o segundo diario dixital de información xeral en galego por audiencia, detrás de Galicia Confidencial[2].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Pola licenza libre que usan, CC BY-SA, moitas das imaxes que publica poden reutilizarse, coma esta das protestas leiteiras do 2015.

É editado pola Fundación Praza Pública, entidade sen ánimo de lucro declarada de interese público[3] e cuxo financiamento depende das achegas periódicas ou puntuais da cidadanía e da publicidade inserida no xornal. Foi presentado o 31 de xaneiro de 2012 no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela expoñendo nese acto a base da súa liña editorial, a transparencia, tanto na xestión económica coma na informativa[1].

O xornal desenvólvese usando unicamente software libre e o 8 de febreiro do 2012 liberou todo o código fonte das ferramentas para a súa creación e soporte, algunhas delas desenvolvidas pola empresa galega A navalla suíza e outras xa existentes na rede.[4]

No seu inicio, o traballo xornalístico remunerado corría a cargo de tres persoas: Marcos Pérez Pena, David Lombao e máis Lara Graña. Tras a marcha de Lara Graña incorporouse ao equipo o xornalista Miguel Pardo.

Difunde anualmente informes de transparencia sobre a súa situación organizativa, social, económica e de audiencia, mostrando os datos económicos desagregados por ingresos e gastos de cada mes.[5]

Redes sociais e comunidade[editar | editar a fonte]

Desde a súa creación, o diario Praza Pública apostou polas redes sociais. Así, en marzo de 2018 a súa comunidade ascendía a máis de 40.000 persoas entre Facebook, Twitter e YouTube. Na portada mantén a sección Fálase de..., dedicada a compartir mensaxes curtas de noticias de última hora, vídeos, fotografías ou noticias de medios asociados como eldiario.es, Nós televisión ou outros.

Tamén conta coa sección Obradoiro[6], unha comunidade de blogs asociados especializados en tecnoloxía, crítica literaria, ecoloxismo, política, lingua, cociña ou opinión.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Ponse en marcha Praza Pública apostando por dous conceptos clave: a transparencia e a lingua galega
  2. "Top 50 de webs en galego". Código Cero. Consultado o 08/03/2018. 
  3. "Achegas - Que sustenta Praza?". Consultado o 08/03/2018. É unha fundación sen ánimo de lucro [...]. Constituíuse en maio de 2012 está rexistrada como fundación de interese galego. 
  4. O código fonte de Praza, liberado
  5. Informes de transparencia en Praza Pública
  6. Sección Obradoiro de Praza Pública

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]