Portal:Xogos Olímpicos/Biografía destacada/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Nadia Elena Comăneci, nada en Oneşti o 12 de novembro de 1961, é unha ximnasta romanesa retirada, que competiu na disciplina de ximnasia artística e segue a ser considerada un ídolo mundial deportivo, sendo considerada unha das grandes atletas de todos os tempos.

Durante a súa carreira gañou nove medallas olímpicas, cinco delas de ouro, e foi a primeira ximnasta en conseguir un 10 -execución perfecta- en ximnasia artística nuns Xogos Olímpicos, amais de conseguir catro medallas mundiais e doce europeas. Xunto coa rusa Svetlana Khorkina, Nadia é posuidora do tricampionato do individual xeral continental.

Entre os recoñecementos persoais cos que conta salientar a dobre Orde Olímpica, sendo cando lle foi entregada a primeira a atleta máis nova en conseguir tal distinción; foi elixida como unha das cen mulleres máis importantes do século XX; figura, desde 1993, no International Gymnastics Hall of Fame, no cal foi a segunda inserida dende a súa inauguración; foi elixida polo líder comunista romanés, Nicolae Ceauşescu, como unha heroína do traballo socialista, sendo a máis nova en conseguilo; tamén foi elixida, en Romanía, como a atleta máis importante do país, nunha votación realizada no ano 2006; en 2007, foi escollida polo público como a celebridade máis confiable da nación; foi elixida como a mellor atleta do século XX polo xornal portugués Mundo Desportivo, e recibiu da World Records Academy, o título de recordista mundial na súa modalidade.