Portal:Segunda Guerra Mundial/Personalidade destacada/4

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Josef Mengele (ˈjoːzɛf ˈmɛŋələ), nado en Günzburg, Baviera, o 16 de marzo de 1911 e finado en Bertioga, Brasil, o 7 de febreiro de 1979, foi un oficial alemán da Schutzstaffel (SS) e médico no campo de concentración de Auschwitz durante a segunda guerra mundial, recibindo o alcume de "Anxo da Morte". Foi coñecido por ser membro do equipo de doutores responsable da selección de vítimas para a súa execución nas cámaras de gas e por levar a cabo experimentos en humanos cos prisioneiros do campo. Os prisioneiros chegados ó campo que se consideraban capaces de traballar eran admitidos, mentres que os que consideraban non válidos para o traballo eran enviados inmediatamente ás cámaras de gas. Mengele deixou Auschwitz o 17 de xaneiro de 1945, pouco antes da chegada das tropas do exército Vermello. Trala guerra escapou a América do Sur, onde evadiu a súa captura durante o resto da súa vida.

Obtivo doutoramentos en antropoloxía e medicina na Universidade de Múnic e comezou a súa carreira como investigador. Uniuse ó Partido Nazi en 1937 e ás SS en 1938. Nos comezos da guerra foi asignado como médico de batallón, e posteriormente en 1943 foi transferido ó servizo nos campos de concentración, asignado ó de Auschwitz. Foi alí onde viu unha oportunidade para levar a cabo investigacións xenéticas con suxeitos humanos. Os seus experimentos centráronse principalmente en xemelgos, sen ningunha consideración pola saúde ou seguridade das vítimas dos mesmos.