Portal:Santiago de Compostela/Artigo destacado/6

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Preito Tabera - Fonseca foi unha arbitraxe ou concordia que tivo lugar entre o arcebispo de Compostela Alonso III de Fonseca, e o seu sucesor no cargo Juan Tabera. Trátase dunha fonte documental fundamental para o coñecemento do patrimonio do arcebispado nos séculos XV e XVI e dos feitos relacionados coas revoltas irmandiñas e os conflitos señoriais do convulso século XV galego. A descuberta da súa existencia atopámola da man de Bernardo Barreiro de Vázquez Varela, que en decembro de 1889, na publicación Galicia diplomática IV, deu a coñecer a existencia duns poucos pregos (17) gardados no mosteiro de San Martiño Pinario.

A orixe do preito remóntase ao 26 de decembro de 1525, cando o novo arcebispo reclamoulle ao Fonseca dez millóns de marabedís como indemnización polos danos sufridos nos castelos e casas pertencentes á mitra compostelá durante os gobernos de Alonso II de Fonseca e do propio Alonso III, e que foran ocasionados polas revoltas irmandiñas, e os enfrontamentos de Alonso II cos seus inimigos señoriais.

Como resultado, o 28 de xaneiro do ano 1534 aceptou facer o pago de 200.000 marabedís, aínda que nunca se chegaría a realizar xa que Fonseca morreu o 4 de febreiro.