Portal:Rusia/Artigo destacado/5

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Goberno provisional ruso formouse en Petrogrado despois da abdicación do tsar Nicolao II durante a Revolución de Febreiro de 1917. Consistiu nunha serie de sucesivos gabinetes, principalmente de coalición entre políticos liberais e socialistas moderados, que trataron infrutuosamente de resolver os graves problemas aos que se enfrontaba o país, enfrascado na impopular Primeira Guerra Mundial, ata a toma do poder dos bolxeviques en novembro, ala radical do Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia, na Revolución de Outubro.

O primeiro goberno estivo formado exclusivamente por políticos burgueses, coa única excepción de Aleksandr Kerenskii, do Partido Social-Revolucionario (SR), que ingresou no goberno a título persoal. Durou apenas dous meses antes de cesar durante a Crise de abril debido ás diferenzas sobre a guerra entre socialistas e os membros máis conservadores do Consello de Ministros. Formouse entón o primeiro dos varios Gobernos de coalición entre liberais e socialistas...