Portal:Pontevedra/Lugar de interese/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Museo Provincial de Pontevedra foi fundado pola Deputación de Pontevedra o 30 de decembro de 1927. Está rexido por un padroádego, sendo a Deputación Provincial de Pontevedra o seu titular. Dispón de cinco edificios históricos e un sexto de nova construción, con salas de exposición permanente e temporais. Os fondos do museo son pluridisciplinares, clasificados en salas de belas artes, arqueoloxía, etnografía e artes aplicadas. O edificio fundacional, o Castro Monteagudo, localízase na rúa Pasantería en Pontevedra, e abriu ó público o 10 de agosto de 1929.

Na actualidade o museo ocupa cinco edificios históricos máis un sexto edificio moderno que se comezou a construír en 2004 e que foi inaugurado en 2012. Os cinco edificios históricos son o Pazo do Castro Monteagudo, o Pazo García Flórez, o Edificio Fernán López, as Ruínas de San Domingos, e o Edificio Sarmiento. O museo conta tamén cunha biblioteca de consulta e realiza publicacións científicas periódicas.

Foi distinguido en 1996 coa Medalla de Ouro de Galicia.