Portal:Pobos indíxenas de América/Artigo destacado/5

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os mapuches son un grupo indíxena americano que habitan no sur-centro de Chile e no suroeste da Arxentina. Constitúen un grupo étnico composto por varios grupos que comparten unha estrutura social, relixiosa e económica comúns, así como un patrimonio lingüístico común. A súa influencia estendíase entre o río Aconcagua e o arquipélago de Chiloé, e máis tarde cara o leste da Pampa arxentina. Os mapuches representan aproximadamente o 4% da poboación chilena, e están particularmente concentrados na rexión da Araucanía e en Santiago de Chile.

O termo mapuche pode referirse a todo o grupo de picunches (xente do norte), huilliches (xente do sur) e moluches ou nguluches da Araucania, ou exclusivamente ós moluches ou nguluches da Araucania. A economía tradicional mapuche baséase na agricultura, a súa organización social tradicional componse de grandes familias, baixo a dirección dun "lonko" ou xefe, aínda que en tempos de guerra, uníanse en grandes grupos e elixían un toqui (do mapudungun toki, que significa machado, ou portador do machado) para lideralos.

A pesar de que os mapuches se mesturaron cos españois durante a época colonial dando orixe a un gran grupo de mestizos na sociedade mapuche de Chile en Araucania e Patagonia, este pobo mantívose independente ata a ocupación chilena de Araucania e a Conquista do Deserto da Arxentina no século XIX. Hoxe en día, moitas comunidades mapuches están involucradas no chamado Conflito mapuche, que reivindica a defensa dos seus dereitos e a devolución das súas terras tanto na Arxentina como en Chile.