Portal:Perú/Lugar de interese/7

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Cuzco (en quechua: Qusqu ou Qosqo) é unha cidade de Perú, sita no sur do país, cunha poboación de 358.052 habitantes (censo de 2007). Despois de ter sido a capital do Imperio Inca na época precolombiana, durante a época colonial española foi unha das cidades mais importantes do Vicerreinado do Perú. Actualmente está declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco, e segundo a propia constitución peruana, é a capital histórica do país.

Dúas lendas incas atribúen a fundación de Cuzco ó seu primeiro xefe de estado, unha personaxe chamada Manco Cápac, xunto á súa irmá e consorte Mama Ocllo. Nas dúas lendas dise que o lugar foille revelado polo deus sol (Inti) ós fundadores despois dunha peregrinaxe iniciada ó sur do Val Sagrado dos Incas.

Segundo os datos arqueolóxicos e antropolóxicos que foron estudando o verdadeiro proceso de ocupación de Cuzco, sinálase que, por mor da caída do reino de Tiahuanaco, houbo unha migración dese pobo. Ese grupo duns 500 individuos teríase establecido no val do río Huatanay, o cal levaría á fundación de Cuzco. A data exacta é descoñecida, mais os vestixios atopados polos investigadores indican que a cidade xa estaba habitada hai uns 3000 anos, o cal sinalaría que Cuzco é a cidade habitada mais antiga de toda América.