Portal:País Vasco/Artigo destacado/3

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O idioma éuscaro ou vasco (euskara en lingua vasca) é a lingua tradicional dos vascos, falada hoxe no País Vasco e norte de Navarra en España, e no Departamento de Pireneos Atlánticos en Francia, constitúe unha lingua illada arrodeada por linguas de orixe indoeuropea.

O éuscaro é unha lingua aglutinante. Algúns lingüistas considérano unha lingua illada e moi antiga, probablemente oriúnda da lingua dos primeiros pobos que migraron para a Europa. Outros, a través de comparacións, veno emparentado a linguas ata hoxe faladas no Cáucaso. De calquera forma, é unha lingua falada ou comprendida por polo menos 800.000 persoas, e que xa era falada moito antes de que os romanos introducisen o latín na Península Ibérica.

Por non ter linguas parentes coñecidas, o vasco é claramente diferente das outras linguas europeas, particularmente daquelas que teñen relacións de parentesco entre si no interior da familia indoeuropea. A súa estrutura sentencial é practicamente idéntica á do turco ou do xaponés. A súa morfoloxía é, esa si, bastante pouco común en Europa, mais fóra de Europa poden atoparse sistemas morfolóxicos semellantes ao do vasco en centenas doutras linguas.

Hoxe, o vasco está presente en nomes de empresas, institucións, actores políticos e sociais, así como etiquetas e sinais, na zona delimitada polo País Vasco e Navarra e Iparralde.