Portal:Muller/Biografía destacada/11

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Jane Marian Joseph, nada o 31 de maio de 1894 en Londres (Inglaterra) e finada na mesma cidade o 9 de marzo de 1929, foi unha compositora, arranxadora e profesora de música inglesa. Foi alumna e posteriormente compositora asociada de Gustav Holst, e estivo estreitamente implicada na organización e na xestión de varios festivais de música que Holst patrocinou. Moitas das súas obras foron compostas para ser interpretadas nestes festivais e en ocasións similares. A súa morte prematura, que impediu a plena realización do seu talento, foi considerada polos seus contemporáneos como unha perda considerable para a música inglesa.

Holst foi o primeiro en observar o potencial de Joseph cando estaba a ensinarlle composición na St Paul's Girls' School. Comezou a actuar como a súa copista en 1914, cando estaba a compoñer The Planets, a súa especial responsabilidade era a preparación da partitura do movemento "Neptune". Continuou a asistir a Holst con transcricións, arranxos e traducións, e foi a súa libretista para o ballet coral The Golden Goose. Durante a súa breve vida profesional converteuse en membro activo da Society of Women Musicians, foi a principal promotora do primeiro Kensington Musical Competition Festival, e axudou a fundar a Kensington Choral Society. Tamén ensinou música en escolas femininas, onde a filla de Holst, Imogen, foi unha das súas alumnas, e converteuse nunha das figuras máis importantes na vida musical do Morley College...