Portal:Lugo/Artigo destacado/10

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Club Deportivo Lugo é un club de fútbol galego da cidade de Lugo, que xoga na Segunda División. O equipo foi fundado en 1953 trala desaparición dos dous principais equipos da cidade, a Ximnástica Lucense, que viña de competir na Segunda División, e o Club Deportivo Polvorín, desaparecido por motivos económicos. O club, baixo a presidencia de Emilio Núñez Torrón, comezou a súa andadura na Terceira División, só xogara anteriormente na categoría de prata durante a tempada 1992–93. Actualmente, o club xoga os seus partidos como local no Anxo Carro, estadio que contaba até a súa remodelación en verán de 2013 con capacidade para 4.800 seareiros, sendo aumentada até albergar 7.840 espectadores.

O Lugo logrou retornar ao fútbol profesional o 25 de xuño de 2012, logo de vinte campañas en categorías inferiores, pese acadar tan só o terceiro posto do seu grupo conseguiu o ascenso logo de superar senllas eliminatorias ante o Eibar, o Atlético Baleares, campión do grupo 3, e o Cádiz, campión do grupo 4. O último encontro polo ascenso ante os gaditanos non foi senón resolto até chegar á rolda de penaltis.

O principal patrocinador do club desde 2012 é Estrella Galicia. O club posúe un acordo de colaboración coa Unión Deportiva Somozas da Segunda División B e un filial en Primeira Autonómica, a Sociedade Deportiva e Cultural Polvorín.