Portal:Irlanda/Artigo destacado/8

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O fútbol gaélico (en irlandés: Peil Ghaelach, tamén coñecido como Peil ou Caid) é un deporte de equipo de orixe irlandesa. Xógase en equipos de 15 xogadores nunha cancha de céspede rectangular con porterías en forma de H a ámbolos dous lados. O obxectivo principal é anotar puntos pateando ou golpeando o balón coas mans e introducilo na portería rival (3 puntos) ou ben facelo pasar entre os postes que están enriba da portería (1 punto). O equipo con máis puntos ao final do encontro gaña. Os xogadores avanzan polo campo levando o balón nas súas mans, pateándoo e pasándoo entre compañeiros de equipo. O fútbol gaélico é un dos catro Xogos Gaélicos regulados pola Asociación Atlética Gaélica, a maior e máis popular organización deste tipo en Irlanda.

No ano 2010 presentouse o primeiro equipo galego deste deporte, os Fillos de Breogán da Coruña, e dende entón comezaron a xurdir equipos de fútbol gaélico por toda a xeografía galega ata que en 2013 comezou a primeira Liga Galega de Fútbol Gaélico. No ano 2015, as seleccións galegas masculina e feminina participaron no Campionato do Mundo de Fútbol Gaélico nos Emiratos Árabes Unidos, a primeira edición desta competición da historia. A selección galega masculina proclamouse subcampioa do mundo e tamén é a primeira selección deportiva galega que compite de xeito oficial nun torneo internacional.