Portal:Irlanda/Artigo destacado/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Gran Fame irlandesa (en irlandés An Gorta Mór ou An Drochshaol) foi un período de fame, doenzas e emigración en masa entre 1845 e unha data variable entre 1849 e 1852, no que a poboación de Irlanda se reduciu entre un 20 e un 25 por cento. A fame provocou a morte de preto dun millón de persoas e forzou a máis doutro millón a emigrar da illa. A causa principal da fame foi unha praga provocada polo oomiceto Phytophthora infestans, que contaminou os cultivos de pataca a grande escala en toda Europa durante a década de 1840. A pesar de que atinxiu a Europa enteira, a praga afectou moitísimo a Irlanda, xa que un terzo de toda a poboación dependía unicamente da pataca para sobrevivir. Ademais, o problema foi agravado por varios factores ligados á situación política, social e económica que aínda son materia de debate na comunidade académica.

A fame foi un choque social na historia da Irlanda e os seus efectos alteraron para sempre o plano demográfico, político e cultural irlandés. Chegou mesmo a ficar como parte da memoria popular, sendo dende entón un dos episodios máis lembrados polos movementos nacionalistas irlandeses. A historia de Irlanda divídese xeralmente entre os períodos "pre-fame" e "pos-fame". A gran fame é tamén recordada como a maior catástrofe demográfica en Europa entre a Guerra dos Trinta Anos e a Primeira Guerra Mundial, sumando máis dun millón de mortes en Irlanda en relación ó esperado se non existira.