Escultura en Dublín en homenaxe ás vítimas da Gran Fame.
A Gran Fame irlandesa (en irlandésAn Gorta Mór ou An Drochshaol[1]) foi un período de fame, doenzas e emigración en masa entre 1845 e unha data variable entre 1849 e 1852,[2] no que a poboación de Irlanda se reduciu entre un 20 e un 25 por cento.[3] A fame provocou a morte de preto dun millón de persoas e forzou a máis doutro millón a emigrar da illa.[4][5] A causa principal da fame foi unha praga provocada polo oomicetoPhytophthora infestans, que contaminou os cultivos de pataca a grande escala[6] en toda Europa durante a década de 1840. A pesar de que atinxiu a Europa enteira, a praga afectou moitísimo a Irlanda, xa que un terzo de toda a poboación dependía unicamente da pataca para sobrevivir. Ademais, o problema foi agravado por varios factores ligados á situación política, social e económica que aínda son materia de debate na comunidade académica[7][8].
A fame foi un choque social na historia da Irlanda[9] e os seus efectos alteraron para sempre o plano demográfico, político e cultural irlandés. Chegou mesmo a ficar como parte da memoria popular,[10] sendo dende entón un dos episodios máis lembrados polos movementos nacionalistas irlandeses. A historia de Irlanda divídese xeralmente entre os períodos "pre-fame" e "pos-fame". A gran fame é tamén recordada como a maior catástrofe demográfica en Europa entre a guerra dos Trinta Anos e a primeira guerra mundial, sumando máis dun millón de mortes en Irlanda en relación ó esperado se non existira[4].