Portal:Irlanda/Artigo destacado/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Sackville Street (Dublin) after the 1916 Easter Rising.JPG

O Alzamento de Pascua (en gaélico: Éirí Amach na Cásca) foi unha rebelión que tivo lugar en Irlanda durante a Pascua de 1916. O alzamento foi un intento de republicanos irlandeses co obxectivo de rematar co dominio Británico en Irlanda e establecer unha República Irlandesa nun momento no que o Imperio Británico estaba inmerso na Primeira Guerra Mundial. Foi a sublevación máis significativa que houbo en Irlanda tras a rebelión irlandesa de 1798.

Organizado polo Consello Militar da Irmandade Republicana Irlandesa, o alzamento durou dende o luns santo do 24 de abril ata o 30 de abril de 1916. Membros dos Voluntarios Irlandeses, liderados polo profesor e avogado Patrick Pearse, xunto co pequeno Exército Cidadán Irlandés de James Connolly e máis 200 membros da Liga das Mulleres, tomaron lugares clave en Dublín e proclamaron unha República Irlandesa independente de Gran Bretaña. Houbo algunhas accións máis en outras partes de Irlanda aínda que foron de escasa relevancia, agás o ataque aos barracóns da Policía Real Irlandesa en Ashbourne, no condado de Meath.

O Alzamento foi sufocado tras sete días de loita, e os seus líderes foron sometidos a consellos de guerra e posteriormente executados, pero tiveron éxito en facer que os políticos irlandeses volveran a tomar en consideración unha vía de republicanismo irlandés a través das armas.

O acontecemento acostuma interpretarse como o momento clave do proceso de independencia irlandesa, aínda que tamén marcou a división entre republicanismo e nacionalismo irlandés, que ata o momento aceptara a promesa dunha autonomía limitada baixo a Coroa británica. Tal autonomía fora plasmada na terceira Acta de Goberno de Irlanda, ou Home Rule en inglés, aprobada en 1914 e suspendida durante a Primeira Guerra Mundial.