Portal:Grecia antiga/Artigo destacado/3

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lar de bronce do século I.

O Partenón (en grego: Παρθενων) é a construción máis famosa da Grecia antiga que permaneceu até hoxe en día. A súa edificación foi unha homenaxe á deusa Atenea, patroa da cidade de Atenas.

É o máis admirado dos templos gregos e o maior de todo o mundo helénico. Construíuse na Acrópole de Atenas en substitución do que fora destruído no saqueo persa entre o 447 e 438 a.C., por Ictino e Calícrates. Á parte da escultura, executada por Fidias e mailos seus discípulos, levou máis de sete anos en concluír. O templo está feito de mármore do Pentélico, agás os alicerces, e realizouse en estilo dórico (aínda que o friso interior e máis algúns pequenos detalles sexan xónicos). O perístilo ten 17 columnas de cada lado e 8 nos extremos ( dúas máis do que se adoitaba naquel tempo). Na cella atopábase a famosa estatua de Athena Parthenos, de Fidias. As 92 métopas do friso exterior representan a loita dos Centauros cos Lapitas, a Xigantomaquia, a Amazonomaquia e outros combates; o pedimento do lado nacente, o nacemento de Atenea, e o do lado poñente, a loita entre a deusa e Poseidón pola pose da cidade; o friso exterior, a procesión das Panateneas, cos deuses a observala. O edificio, en que foron aplicados todos os requintes da éntase, mantívose case intacto até 1687, data en que unha explosión de pólvora gardada nel, durante a guerra entre turcos e venecianos, destruíu a cobertura. O pedimento e as métopas foron apropiados por Lord Elgin e vendidos ao Museo Británico, en 1816; outras foron para o Museo do Louvre, conservándose algunhas in loco.