Portal:Francia/Biografía destacada/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Xoana de Arco (francés: Jeanne d'Arc), nada o 5 ou o 6 de xaneiro de 1412 en Domrémy-la-Pucelle, un pequeno poboado sito no departamento francés de Vosgos, e finada o 30 de maio de 1431 en Ruán, tamén coñecida como a Doncela de Orleáns (ou, en francés, la Pucelle d'Orléans), foi unha heroína, militar e santa francesa. A súa festividade conmemórase o día da súa morte, o 30 de maio, como é tradición na Igrexa católica.

Nada entre 1407 e 1412, con 17 anos encabezou ao exército real francés. Estas campañas revitalizaron a facción de Carlos VII durante a guerra dos Cen Anos e permitiron a coroación do monarca. Como recompensa, o rei absolveu a Domrémy, pobo natal de Xoana, de pagarlle o imposto anual a coroa (esta lei estivo en vigor ata hai cen anos). Os borgoñóns capturaron a Xoana e entregárona aos ingleses. Os clérigos condenárona por herexía e o duque Xoán de Lancaster queimouna viva en Ruán. A gran maioría de datos sobre a súa vida baséanse nas actas dese proceso, pero están en certa forma provistos de descrédito, pois segundo diversas testemuñas do xuízo, estiveron cheos de correccións e datos falsos introducidos por orde do bispo Pierre Cauchon.

Vinte e cinco anos logo da súa condena, o rei Carlos VII instigou á Igrexa a que revisase aquel xuízo inquisitorial. Á morte de Nicolao V, foi elixido papa o español Calisto III (Alfonso de Borja) o 8 de abril de 1455, e foi el quen dispuxo que se reabrise o proceso. A súa inocencia foi recoñecida ese mesmo ano nunha apelación do xuízo. Finalmente, xa no século XX, foi beatificada en 1909 polo papa Pío X e posteriormente declarada santa en 1920 polo papa Bieito XV. Ese mesmo ano, foi declarada como a santa patroa de Francia.

Popularmente, Xoana de Arco é contemplada por moitas persoas como unha muller notable: valente, vigorosa e cunha grande fe. Hoxe en día é obxecto de especial interese na República de Irlanda, Canadá, Reino Unido e Estados Unidos. No movemento do Escultismo é a Santa Patroa dos guidistas.