Portal:Finlandia/Artigo destacado/3

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Hai 53 municipios en Finlandia nos que o finés non é a única lingua oficial. En Finlandia, en decembro de 2013, o 89,3% da poboación falaba finés, o 5,3% sueco, e o 0,04% linguas saamis. Tanto o finés como o sueco son linguas oficiais de Finlandia. Oficialmente, un municipio é bilingüe se a poboación que fala a lingua minoritaria é canto menos o 8% da poboación total, ou ten canto menos 3 000 falantes. Un municipio previamente bilingüe mantense co status se a proporción da lingua minoritaria descende por baixo do 8%, ata o 6%. Se cae por debaixo do 6%, é posible que o municipio se manteña bilingüe por decreto gobernamental, por recomendación do consello municipal, durante dez anos máis. Entre os municipios que fan uso da regra dos 3 000 falantes inclúense a capital Helsinqui e no centro cultural da comunidade sueca finesa, Turku. No arquipélago das Åland, onde o finés está case ausente da vida diaria, a lei lingüística non se aplica. No continente, a maior proporción de falantes de lingua sueca encóntrase na costa occidental, en Ostrobotnia.

Dos 317 municipios de Finlandia, 16 son unilingües en lingua sueca. 33 municipios son bilingüe en finés e sueco; e deles, 15 teñen como lingua maioritaria o sueco e en 18 é o finés a lingua maioritaria. Catro municipios, todos localizados en Laponia, teñen como lingua maioritaria o finés e algunha lingua saami como lingua minoritaria: Enontekiö, Inari, Sodankylä e Utsjoki. Inicialmente, só a lingua sueca recibiu o bilingüismo oficial, a través da acta lingüística de 1922; disposicións similares extendéronse ás linguas saamis a través dunha lei de 1991. A lei de 1922 foi remprazada por unha nova mais en boa parte similar en 2003.