Portal:Ferrol/Lugar de interese/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O castelo de San Felipe foi unha das fortalezas máis importantes da ría de Ferrol, construído no século XVI. Localízase na parroquia de Brión, xusto á beira da ría. Xunto a este castelo na ría tamén se atopan o Castelo da Palma e o Castelo de San Martín, hoxe en día en ruínas, que conformaban en conxunto o escudo defensivo da ría. Este sistema foi mandado proxectar polo capitán xeneral do Reino de Galicia, o marqués de Cerralbo, aos enxeñeiros Fratín, Spanochi e Muñíz.

Foi no ano 1589 comezouse a construción do castelo auspiciada por Filipe II, do que toma o seu nome, e é entre os anos 1731 e 1755 cando o enxeñeiro Francisco Montaigú se encarga de deseñar unha serie de reformas, entre as que destaca a construción dun hornabeque, e foso e o proxecto da porta principal. O seu deseño está baseado nas ensinanzas técnicas de Vauban e na adaptación ao terreo sobre o que se asenta.

En 1809 tivo lugar a ocupación francesa, pero esta solo durou un mes. Posteriormente, durante a guerra civil española, funcionou como prisión militar, e na fortaleza leváronse a cabo fusilamentos de presos políticos.