Portal:Ferrol/Biografía destacada/4

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Concepción Arenal Ponte, nada en Ferrol o 31 de xaneiro de 1820 e finada en Vigo o 4 de febreiro de 1893, foi unha diplomada en Dereito, xornalista, poeta, autora dramática e de zarzuela. Foi a primeira muller en asistir a unha Universidade española.

Un elemento esencial para comprender tanto a súa vida como a súa obra constitúeo a súa proximidade ao ideario liberal e krausista; malia a orixinalidade do seu pensamento, destacan esas influencias, que tamén tiveron un papel importante no plano afectivo a través do seu contacto con destacadas personalidades liberais da época, coas que compartiu a un tempo relacións de amizade e proxectos de carácter social e intelectual, como o seu amigo e cuñado Manuel de la Cuesta, Salustiano Olózaga, Juana de Vega, Fernando de Castro, Francisco Giner de los Ríos, Gumersindo de Azcárate etc.

Con Concepción Arenal naceu o feminismo en España, pois dende nova loitou por romper os canons establecidos para a muller, rebelándose contra a tradicional marxinación do sexo feminino, e reivindicando a igualdade en todas as esferas sociais para a muller.

Como recoñecemento, un grande número de rúas, prazas e centros de ensino por toda Galiza e resto de España levan o seu nome, asi como un Airbus A340 de Iberia e un barco da SASEMAR, así como o trofeo de fútbol do verán en Ferrol fundado en 1953, o Trofeo Concepción Arenal.