Portal:España/Artigo destacado/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Club Balonmano Cantabria (1975-2008) foi un equipo de balonmán da cidade de Santander (Cantabria). Foi fundado en 1975 co nome de Grupo Deportivo Teka Santander, herdeiro do club La Salle Authi de Los Corrales de Buelna. Foi un dos clubs máis laureados de España e de Europa. Debido a problemas económicos, mudou a súa denominación en 1995, baixo o patrocinio de Caja Cantabria, que abandonou o seu patrocinio en 1999, adoptando o club o nome de Club Balonmano Cantabria e volvendo a Teka, denominándose o equipo Teka Cantabria ata a súa desaparición no ano 2008, tras un breve período no que foi propiedade do Racing de Santander.

A nivel nacional participou na Liga ASOBAL (nome que recibe a máxima categoría do balonmán español) dende a súa fundación en 1990 pola Asociación de Clubes Españoles de Balonmano (ASOBAL) ata a súa desaparición. A Liga ASOBAL foi a herdeira da antiga liga española de balonmán que, entre 1958 e 1990, e coa denominación de División de Honra, organizou a Federación Española de Balonmano. En total, o club participou en 18 ocasións na máxima categoría, gañando o título en dúas ocasións (1992-93 e 1993-94). Ademais adxudicouse outros títulos nacionais como a Copa do Rei e a Supercopa de España, ambas en dúas ocasións, ou a Copa ASOBAL, que gañou catro veces. A nivel internacional conquistou nunha ocasión a máxima competición europea de balonmán entre clubs, a Copa de Europa, así como o Campionato Mundial de Clubs, a Recopa de Europa en dúas ocasións, ou a Copa EHF.

Durante a maior parte da súa historia, o club xogou no Pavillón de La Albericia, aínda que tamén nas súas últimas tempadas disputou partidos no Palacio de Deportes de Santander, que dispuña de maior capacidade que o anterior.