Portal:Dinamarca/Biografía destacada/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Carl August Nielsen, nado en Sortelung (Dinamarca) o 9 de xuño de 1865 e finado en Copenhague o 3 de outubro de 1931, foi un compositor, director de orquestra e violinista dinamarqués, amplamente recoñecido como o meirande dos compositores clásicos do seu país.

Criado por pais pobres mais con talento musical na illa de Funen, amosou as súas habilidades musicais a unha idade temperá. Inicialmente tocou nunha banda militar antes de asistir á Real Academia Dinamarquesa de Música en Copenhague dende 1884 ata decembro de 1886. Estreou o seu Op. 1, Suite para cordas, en 1888, aos 23 anos. O ano seguinte, Nielsen comezou un período de 16 anos como segundo violinista da Real Orquestra Dinamarquesa baixo a dirección de Johan Svendsen. En 1916, tomou un posto de profesor na Real Academia Dinamarquesa, que ocupou ata a súa morte.

Aínda que as súas sinfonías, concertos e música coral son agora recoñecidos internacionalmente, a carreira e a vida persoal de Nielsen estiveron marcadas por moitas dificultades, que frecuentemente se reflexan na súa música. As obras que compuxo entre 1897 e 1904 son ás veces atribuídas ao seu período "psicolóxico", como resultado dun matrimonio turbulento coa escultora Anne Marie Brodersen. Nielsen é especialmente coñecido polas súas seis sinfonías, o seu Quinteto de vento e os seus concertos para violín, frauta e clarinete. En Dinamarca, a súa ópera Maskarade e moitas das súas cancións convertéronse nunha parte integrante do patrimonio nacional. A súa música temperá estivo inspirada por compositores como Brahms e Grieg, mais axiña desenvolveu o seu propio estilo, primeiro experimentando coa tonalidade progresiva e posteriormente diverxendo aínda máis radicalmente dos estándares de composición que aínda eran comúns na época. Morreu dun ataque ao corazón en 1931 despois e está enterrado no Cemiterio Vestre de Copenhague.