Portal:Cultura castrexa/Xacemento destacado/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O castro de San Cibrao de Las, tamén coñecido como A Ciudá, Lambrica, Lansbrica ou Lanobrica, é un dos castros galaicos en proceso de escavación de maior tamaño entre os localizados no territorio da actual Galicia, e un dos catro piares da Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico. Do resultado dos estudos arqueolóxicos pódese definir un período de ocupación continuada desde o século II a.C. ata o século II d.C., e con posibles ocupacións esporádicas máis tardías.

A Cidade é o nome tradicional entre as xentes dos arredores. Os nomes de Lambrica, Lanobriga e Lansbrica proceden de diversas lecturas que foron feitas sobre unha ara romana dedicada ao deus galaico Bandua, existente nunha casa particular na veciña parroquia de Eiras.

Polo seu tamaño pode ser comparado co de Santa Trega e coas citanias do norte de Portugal, poboamentos galaicos ou galaico-romanos da cultura castrexa que se caracterizan polo seu avanzado estado de romanización e as súas grandes dimensións. Entre os expoñentes máis significativos pódense citar a citania de Briteiros, o castro de Mozinho e o de Sanfíns.