Portal:Bután/Cabezallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Portal de Bután

Bután (en dzongkha: འབྲུག་ཡུལ་; Druk Yul), oficialmente o Reino de Bután (en dzongkha: འབྲུག་རྒྱལ་ཁབ་; Druk Gyal Khap), é unha nación pequena e montañosa do sur de Asia, localizada na cordilleira do Himalaia oriental, entre a India e a China. Fai fronteira coa Rexión Autónoma do Tíbet da China polo norte, co estado indio de Sikkim e o val de Chumbi do Tíbet polo oeste, co estado indio de Arunachal Pradesh polo leste, e cos estados de Assam e Bengala Occidental polo sur. Bután atópase xeopoliticamente no sur de Asia e é a segunda nación menos poboada do continente, despois das Maldivas. Thimphu é a capital e a meirande cidade, mentres que Phuntsholing é o centro financeiro.

A independencia de Bután mantívose durante séculos e non foi colonizado nunca ó longo da súa historia. No século XVII estabeleceuse en Bután unha teocracia budista. En 1865, Gran Bretaña e Bután asinaron o Tratado de Sinchulu, baixo o cal Bután recibiría un subsidio anual a cambio de ceder algo de fronteiras. Baixo a influencia británica, estabeleceuse unha monarquía en 1907; tres anos despois, asinouse un tratado onde os británicos acordaron non interferiren nos asuntos internos butaneses e Bután permitiu a Gran Bretaña dirixir os seus asuntos exteriores. Este rol foi asumido pola India independente logo de 1947. Dous anos despois, un acordo formal indo-butanés devolveu as áreas de Bután anexadas polos británicos, formalizou os subsidios anuais que recibira o país, e definiu as responsabilidades da India na defensa e relacións exteriores.