Portal:Bretaña/Artigo destacado/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os países da Bretaña (en lingua bretoa Broioù kozh Breizh) son as subdivisións tradicionais da Bretaña histórica. Trátase dunha estrutura complexa porque os territorios que a compoñen teñen evolucionado e cambiado ó longo da historia. Distínguense dous niveis de país: os países históricos e os países tradicionais. Dende 1999 e a aprobación da lei de orientación pola xestión e o desenvolvemento sostíbel do territorio (LOADDT), tamén se pode engadir o país « Loi Voynet », aínda que agora so ten un carácter administrativo.

Antes de 1789, a Bretaña foi de xeito simultáneo unha provincia, unha généralité, unha intendencia, unha parte da provincia eclesiástica de Tours, etc. Estas entidades tiñan á súa vez diversas divisións administrativas: os presidios, as senescalías (división xudicial, de 26 a 40 segundo as épocas), as dioceses (división relixiosa, 7 despois 9) etc. Todas estas subdivisións desapareceron trala Revolución Francesa e foron substituídas por unha nova división administrativa única, o departamento.

Os países históricos ou provincias (en bretón bro, en plural broioù) a muído son asimilados ós antigos bispados, mais nalgúns fanse lixeiras distincións. As fronteiras dos bispados foran reorganizadas a fin de axeitalos ós novos límites departamentais o 29 de novembro de 1801. Os broioù son nove: Kernev, Leon, Dreger, Gwened, Zol, Sant Brieg, Sant Malou, Naoned e Roazhon.