Portal:Baloncesto/Artigo destacado/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Club Baloncesto Breogán S.A.D., coñecido por motivos de patrocinio como Cafés Candelas Breogán, é un club de baloncesto profesional da cidade de Lugo (Galicia). Fundado en 1966 polos irmáns Juan e José Ramón Varela Portas, ascendeu por primeira vez á máxima categoría en 1970, converténdose nun dos equipos máis importantes da historia do baloncesto estatal, ocupando a novena posición na clasificación histórica de clubs. Con participacións en competicións europeas, milita na segunda categoría, a Liga LEB.

Os seus xogadores visten un uniforme que consiste nunha camiseta cor celeste cun pantalón da mesma cor, aínda que nalgunhas tempadas este foi branco ou azul mariño. A súa pista de xogo, despois de trasladarse dende o Pavillón Municipal, é o Pazo dos Deportes, tamén sede oficial do club, que conta con capacidade para 7.500 espectadores, estando entre as dez canchas europeas con mellor media de asistencia. O seu actual presidente é Jesús Lázare. O club tamén dispón dun filial na liga EBA, o Club Estudiantes, contando ademais con múltiples equipos que xuntan a rapaces de tódalas idades, formando unha das mellores canteiras do Estado.