Saltar ao contido

Polikarpov I-15

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Polikarpov I-15
Tipocaza
Primeiro voooutubro de 1933
Produción1934 - 1937
Unidades construídas3 313
VariantesPolikarpov I-153

O Polikarpov I-15 (en ruso: И-15) foi un caza biplano soviético dos anos 30. Alcumado Chaika (en ruso: Чайка, "Gaivota") debido á forma da súa á superior,[1][2] foi operado en grandes números pola Forza Aérea Soviética, e xunto co monoplano Polikarpov I-16, foi un dos principais cazas do exército republicano durante a guerra civil española, onde foi chamado Chato.[3]

Deseño e desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

O deseño do 14º caza para as Forzas Aéreas Soviéticas, o I-14, iniciouse como un monoplano avanzado, para a época, baixo a dirección de Andrei Tupolev. Preocupáballe que o deseño non madurase e ordenou dous deseños de biplanos de respaldo, designados I-14A e B, só para estar seguro. Polikarpov fora liberado de prisión en agosto de 1932 e foi o encargado do proxecto I-14A. Cando se ordenou producir o I-14 e o I-14A, o deseño de Polikarpov, un desenvolvemento do caza I-5, converteuse no famoso I-15.

O seu primeiro voo foi en outubro de 1933 con V.P. Chkalov nos controis. O avión estaba equipado cun motor Wright R-1820 Cyclone importado.[4] O I-15, tamén coñecido polo seu nome de desenvolvemento TsKB-3, era un pequeno caza biplano coa á superior de gaivota (dobrada preto da raíz). As ás estaba feitas de madeira, mentres que a fuselaxe era de aceiro e duraluminio, cunha tea cubrindo a súa parte traseira.[2]

A súa fabricación comezou en 1934, inicialmente impulsado polo motor Shvetsov M-22, unha versión fabricada baixo licenza do motor radial Bristol Jupiter. Aínda que era menos potente que o Cyclone, os aparellos equipados co M-22 seguían sendo superiores ao I-5 ao que substituían, demostrando unha excelente manobrabilidade.[2] A produción cambiou ao motor de 700 hp Shvetsov M-25 (unha licenza do Cyclone) a finais de 1936.[1] Fabricáronse un total de 671 I-15, 284 na Unión Soviética e 287 máis baixo licenza por CASA en España.[5]

A á superior do I-15 non era moi popular entre algúns pilotos, xa que restrinxía a visibilidade, polo que a oficina de deseño de Polikarpov fabricou unha versión mellorada, novamente co motor M-25, cunha á superior de máis envergadura e sen a forma de gaivota.[1] Esta versión, a I-15bis, comezou a fabricarse en 1937,[6] entregándose un total de 2 408 unidades desta variante ata que se deixou de producir en 1940.[1]

Historial operacional

[editar | editar a fonte]

En agosto de 1937 o goberno chinés do Kuomintang asinou un pacto de non agresión coa Unión Soviética, e no outono dese ano os soviéticos comezaron a enviar avións I-15 como parte dun programa de apoio militar á Forza Aérea da República da China na súa guerra defensiva contra o Xapón. Máis de 250 pilotos soviéticos presentáronse voluntarios para voar os 255 I-15 subministrados a China nese outono. En 1939 o número total de aparellos entregados a China acadou os 347 I-15/I-15bis.[7] O I-15bis combateu habitualmente nos conflitos da fronteira entre a URSS e o Xapón e tamén entre a China e Mongolia. En 1937 I-15 en mans da Forza Aérea Nacionalista Chinesa loitaron contra os invasores xaponeses, onde o duro biplano comezou a atopar o seu partido nalgúns dos novos monoplanos xaponeses máis rápidos.

En 1939 os cazas Polikarpov usáronse extensamente durante as batallas de Khalkhin Gol loitando ao redor do río Khalkha na provincia de Dornod. As batallas producíronse entre o 11 de maio e o 16 de setembro e víronse envoltos máis de 600 avións. Cando comezaron as hostilidades os únicos I-15bis na zona eran 14 aparellos do 70º IAP. O seu número incrementouse nas seguintes semanas: o 23 de maio chegaron 35 I-15bis do 22º IAP dende a rexión de Transbaikal. Porén, os pilotos dos Polikarpov foron adestrados apresuradamente e sufriron fortes perdas contra os máis experimentados xaponeses. Durante este conflito a Unión Soviética e o Xapón perderon máis de 200 avións cada un.[8] 10 aoarellos entregáronse Á Forza Aérea do Exército Popular de Mongolia e mediados de xullo de 1939 e adestrouse ao persoal de voo para a defensa aérea. Despois da guerra recibirían 30 aparellos máis en marzo de 1942.

Polikarpov I-15 no Museo do Aire de Cuatro Vientos

Os Republicanos usaron extensamente o I-15 durante a guerra civil española, onde demostrou ser un dos mellores cazas biplanos do seu tempo. Os Nacionais chamárono "Curtiss", supostamente porque pensaban que se trataba do Curtiss F11C Goshawk. O primeiro lote de 25 Polikarpovs chegou a Cartaxena o 28 de outubro de 1936 con 15 pilotos, liderados polo futuro as Pavel Rychagov. Poucos días despois chegou outro grupo de 10 pilotos e 15 avións a Bilbao.[9]

Os pilotos soviéticos entraron en acción por vez primeira o 4 de novembro, cando os I-15 drrrubaron dous Junkers Ju 52/3m e dous Fiat CR.32 sobre Madrid, e forzaron a un terceiro Ju 52 e a un Heinkel bipraza a realizar unha aterraxe forzosa. Nese primeiro combate non se produciron perdas entre os soviéticos. Durante os seguintes dous días os pilotos do "Chato", como o alcumaron os Republicanos, reclamaron 12 vitorias máis perdendo dous I-15.[10]

O 16 de novembro, mentres combatía contra Fiat CR.32 sobre Madrid, Rychagov foi derrubado[11] e catro días despois o número de Polikarpov operativos caíra ata os 15 aparellos: sete perdéranse en combate, dous fixeran aterraxes forzosas e un estaba sendo reparado.[10]

En decembro de 1936 e xaneiro de 1937 chegaron outros dous envíos de 30 avións, facendo posible a creación de catro escuadróns de I-15. Ata a primavera de 1937 o centro de España foi o principal teatro de operacións para os I-15. En maio dese ano chegou outro lote de 31 Polikarpov, elevando o número de avións recibidos a 116.[12]

As perdas do Chato foron comparables ás do seu principal rival, o Fiat CR.32. Cara ao 1 de xaneiro de 1939 perdéranse 197 Polikarpov: 88 derrubados por avións inimigos e nove pola artillaría antiaérea, 27 destruídos en terra e 67 perdidos en accidentes.[13]

Segunda guerra mundial

[editar | editar a fonte]

Máis de 1 000 cazas I-15bis estaban aínda en servizo durante a invasión alemá da Unión Soviética e usouse como avión de ataque ao chan. A finais de 1942 todos os exemplares aínda operativos foron relegados a tarefas en segunda liña.

Variantes

[editar | editar a fonte]
TsKB-3bis
Prototipo.
TsKB-3ter
Prototipo equipado co máis potente motor radial de pistóns M-25V.
I-15
Primeira serie de produción.
I-15bis
Biplano monopraza de caza armado con catro metralladoras PV-1 ou ShKAS de 7,62 mm, e ata 150 kg de bombas. O I-15bis estaba impulsado polo máis potente motor radial de pistóns de 760 hp Shvetsov M-25V. Tiña a á superior recta. Fabricáronse 2 408 unidades.
I-152
Versión modernizada do I-15bis. Un construído en 1938. Non se fabricou en serie xa que se decidiu construír o I-153 no seu lugar.
I-152GK
Un avión equipado cunha cabina presurizada (GK vén de Germetichyeskoi Kabine, cabina hermética).
I-152TK
Un avión equipado con dous turbocompresores (TK vén de Turbo Kompressor).
I-15ter (I-153)
Desenvolvemento do I-15 con tren de aterraxe retráctil ver Polikarpov I-153.
UTI-1
De Oochebno Trenirovochnyy Istrebitel' , adestrador de caza. Versión de adestramento bipraza. 20 fabricados en 1934 pero non usados pola Forza Aérea Soviética.

Operadores

[editar | editar a fonte]
"Chato" da Forza Aérea da República Española
República da China
Finlandia Finlandia
Alemaña nazi Alemaña
Mongolia Mongolia
Unión Soviética Unión Soviética
España Segunda República Española
España España

Especificacións (I-15 M-25)

[editar | editar a fonte]
Polikarpov I-15

Características xerais[14]

  • Tripulación: 1
  • Lonxitude: 6,10 m
  • Envergadura superior: 9,75 m
  • Envergadura inferior: 7,50 m
  • Altura: 2,20 m
  • Superficie das ás: 21,90 m2
  • Perfil das ás: Clark YH
  • Peso baleiro: 1 012 kg
  • Peso bruto: 1 385 kg
  • Peso máximo de engalaxe: 1 689 kg
  • Capacidade de combustible: 260 litros
  • Planta de potencia: 1 × motor radial de pistóns Shvetsov M-25 de 9 cilindros, con 700 hp a 2 300 m
  • Hélice: de paso variable de 2 pás

Rendemento

  • Velocidade máxima: 367 km/h a 3 000 m
  • Velocidade de cruceiro: 285 km/h a 2 000 m
  • Alcance: 510 km
  • Teito de servizo: 9 800 m
  • Tempo a altitude:
    • 1,1 min a 1 000 m
    • 6,1 min a 5 000 m

Armamento

  • 4 metralladoras PV-1 de 7,62x54 mm
  • Ata 100kg de bombas
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Gunston 1995, p. 299
  2. 2,0 2,1 2,2 Green e Swanborough 1979, p. 10
  3. Lannon 2002, p. 46
  4. Green e Swanborough 1979, p. 9
  5. Gordon e Dexter 1999, p. 120
  6. Green e Swanborough 1979, p. 18
  7. Maslov 2010, p. 33
  8. Maslov 2010, p. 42
  9. Maslov 2010, p. 16
  10. 10,0 10,1 Maslov 2010, p. 18
  11. Maslov 2010, p. 17
  12. Maslov 2010, p. 21
  13. Maslov 2010, p. 24
  14. Green and Swanborough 1979

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Gordon, Yefim and Keith Dexter. Polikarpov's Biplane Fighters (Red Star, vol.6). Earl Shilton, Leicester, UK: Midland Publishing, 2002. ISBN 1-85780-141-5.
  • Green, William e Gordon Swanborough. "Of Chaika and Chato... Polikarpov's Fighting Biplanes". Air Enthusiast. Número 11, novembro de 1979 - febreiro de 1980, pp. 9–29. ISSN 0143-5450.
  • Gunston, Bill. The Osprey Encyclopedia of Russian Aircraft 1875–1995. Londres: Osprey, 1995. ISBN 1-85532-405-9.
  • Lannon, Frances. The Spanish Civil War 1936–1939 (Essential Histories 37). Londres: Osprey Publishing, 2002. ISBN 9781841763699.
  • Maslov, Mikhail A. Polikarpov I-15, I-16 and I-153. Oxford, UK: Osprey Publishing, 2010. ISBN 978-1-84603-981-2.