Pleomorfismo (citoloxía)
- Para o pleomorfismo en bacterias ver pleomorfismo (microbioloxía).
O termo pleomorfismo utilízase en histoloxía e citopatoloxía para describir a variabilidade en tamaño, forma e tinguidura das células dun tecido e dos seus núcleos.
O pleomorfismo é característico de neoplasmas malignos, e da metaplasia. Porén, certos tipos (benignos) de células poden presentar tamén pleomorfismo, por exemplo, células neuroendócrinas ou na reacción de Arias-Stella.
En tumores
[editar | editar a fonte]As células anaplásticas[1] de tumores mostran un marcado pleomorfismo. Os seus núcleos son caracteristicamente moi hipercromáticos, polo que se tinguen moi escuros, e son moi grandes. A relación núcleo-citoplasma pode aproximarse a 1:1 en vez das máis normais 1:4 ou 1:6. Poden orixinarse células xigantes, que son considerablemente maiores ca as súas veciñas e que posúen enormes núcleos ou varios núcleos (sincitios), os cales son variables e raros en forma e tamaño, con cromatina espesa e agrupada e grandísimos nucléolos.
Un exemplo de tumor no que se observan claramente estes cambios nas células é o carcinoma de célula xigante de pulmón.[2]
En células non tumorais
[editar | editar a fonte]Na reacción de Arias-Stella as células do endometrio uterino sofren unha serie de cambios, que aparentan ser cancerosos, pero que son benignos, e que se caracterizan polo agrandamento dos núcleos celulares e con frecuencia membranas nucleares irregulares, cromatina granular, vacuolización centronuclear, e inclusións pseudonucleares[3].
Cando se producen danos no epitelio da córnea con perda de células endoteliais, as células desprázanse en dirección á área lesionada para encher aquel espazo, aumentando o seu tamaño e tamén alterando a súa forma (pleomorfismo), o que ten como resultado a reparación da lesión.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "biology on-line". Arquivado dende o orixinal o 08 de decembro de 2019. Consultado o 13 de xaneiro de 2013.
- ↑ Travis, William D; Brambilla, Elisabeth; Muller-Hermelink, H Konrad et al., eds. (2004). Pathology and Genetics of Tumours of the Lung, Pleura, Thymus and Heart. World Health Organization Classification of Tumours. Lyon: IARC Press. ISBN 92-832-2418-3. [1] Arquivado 23 de agosto de 2009 en Wayback Machine.
- ↑ Arias-Stella, J. (Jan 2002). "The Arias-Stella reaction: facts and fancies four decades after.". Adv Anat Pathol 9 (1): 12–23. PMID 11756756.