Pedro Murias

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Pedro Murias Rodríguez, nado na Devesa (Ribadeo) en 1840 e finado na Habana en 1906, foi un indiano e filántropo de orixe galega.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Despois de nacer e comezar a medrar en San Xián dos Carballos (A Devesa)[1], emigra a Cuba (1865) sendo aínda un rapaz atopando un emprego nunha fábrica de tabacos. En Cuba dedicarase a distintos negocios (fábrica de cervexa, frota de transporte e participación noutras actividades industriais[1]), mais principalmente estará relacionado coa industria do tabaco.

No 1870 unha doenza obrígao a volver a Galicia. Recuperado e volto a Cuba, funda a súa primeira fábrica, 'La Meridiana'. Creou varias marcas de cigarros (Balmoral, La Devesa, Flor de los campos de Cuba, El indolico, La Meridiana, Pedro Murias, La Reserva, La Viajera) e aparece entre as marcas máis vendidas de puros habanos en listados de 1904. A súa finca de Vuelta Abajo, en Pinar del Río, tiña 47 000 hectáreas[2], o que da idea da importancia que acadou o seu negocio. Tras a súa morte, as súas fábricas sufriron diferente sorte. 'La Meridiana', a que fora súa primeira fábrica, fundada na Habana, patroneada xa polos irmáns Díaz, cambiou o seu nome a 'Real fábrica de tabacos El Fin del Mundo'[3].

No ano 1892 a súa fortuna e influencia fixeron posible que tivera a concesión para construír peirao e depósitos en Dimas, que en 1896, xa como concello, e en agradecemento á súa xenerosidade, pasaría a chamarse 'San Pedro Murias'[4] (con posterioridade, volveu a chamarse 'Dimas[5]').

Contribuíu á sociedade Naturais de Galicia, fundada na Habana como sostén da emigración. No seu testamento destinou a maioría das súas riquezas á creación da Granxa Escola Pedro Murias[6], na súa parroquia natal.

Pedro Murias recibiu unha distinción co motivo do seu 'concurso decisivo á fundación de Dimas ou San Pedro de Murias: 'En gracia ós servicios que tiña prestado á clase indixente do pobo en formación', por Real Orden de 4 de novembro de 1897 ingresou na Orde Civil de Beneficencia, honor acreditado por diploma expedido en 19 de xaneiro de 1898 firmado por Segismundo Moret[7].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 ""Pedro Murias: Tabaqueiro na Habana, indiano na Devesa"". CDL. Consultado o 28/10/2016. 
  2. Martín Fernández (8 de agosto de 2016). "La finca de 47.000 hectáreas de Murias y otros prodigios de la emigración". La Voz de Galicia. Consultado o 8/8/2016. 
  3. "Whitout the gost of a chance - Pedro Murias' La Meridiana". Consultado o 28/10/2016. 
  4. "3 de septiembre". Calendario cubano. Consultado o 28/10/2016. 
  5. "Dimas en Open Street Map". OpenStreetMap. Consultado o 28/10/2016. 
  6. Martín Fernández (23/10/2016). "La granja Pedro Murias sentó las bases del agro comarcal y del grupo lácteo gallego". La Voz de Galicia. Consultado o 28/10/2016. 
  7. "Anales de la Academia de la Historia; publicación bimestre. [1921] (p.270)". Consultado o 28/10/2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]