Pazo do Fontelo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pazo do Fontelo
ConcelloFrades
ProvinciaA Coruña
ComunidadeGalicia
Coordenadas43°01′04″N 8°17′12″O / 43.017695633757, -8.286761185511Coordenadas: 43°01′04″N 8°17′12″O / 43.017695633757, -8.286761185511
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal(Barroco, século XVIII)
Estilo actual(século XVIII)
Estado actualen bo estado
Véxase tamén
Pazos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

O Pazo do Fontelo é unha antiga mansión barroca do século XVIII emprazada no núcleo tradicional do Fontelo[1], na parroquia de Aiazo do concello coruñés de Frades. Ten recibido outras designacións, especialmente Casa de Ramos ou Pazo de Ramos, se ben hoxe en día, e debido á división da súa propiedade, resulta máis axeitado referirse ao mesmo pola localización.

Características[editar | editar a fonte]

Unha única nave compón o pazo orixinal. Duns 25 metros de longo por outros 12 de ancho, o pazo foi ergueito en cachotaría de xisto e granito con ornamentación barroca traballada en cantaría nos esquinais, linteis, xambas e soleiras. Na fachada oeste eríxese unha prominente cheminea de cachotaría. Ademais dos máis de 600 m² de vivenda principal, engadíanse outras construcións complementarias nas inmediacións do mesmo, tales como hórreos ou alpendres, a maioría hoxe desaparecidos. No inicio da súa construción, houbo dificultades co tipo de solo do soar, no que non se atopaba un substrato firme para os alicerces, problema que se solucionou coa creación dun grande leito de madeira carbonizada. A súa construción tería sido ordenada arredor do cambio de século do XVII para o XVIII, sendo así finalizada esta na primeira metade do XVIII. No Pazo de Fontelo estableceuse daquela a liñaxe dos Ramos, unha adiñeirada familia, con múltiples terras en propiedade, moi ben colocadas na sociedade galega do momento e coñecidos polos seus contactos e influencias nas elites galegas e españolas do momento. Os cabezas de familia foron ben coñecidos, sobre todo, por manifestar activamente apoio a Carlos María Isidro de Borbón durante as guerras carlistas do século XIX. Naquela hora, O Fontelo era unha vila que actuaba como centro socioeconómico na contorna de Aiazo e as súas inmediacións. O pazo dos Ramos erixíase sobre a vila, destacando pola súa prominencia e envergadura. Antes de se constituír Frades como municipio, O Fontelo funcionaba como núcleo administrativo para diferentes aspectos, sendo a Casa de Ramos o principal lugar para calquera trámite.

A comezos do século XX, partillas de herdanzas deron lugar á división da mansión en varias vivendas, á vez que estas pasaron a mans doutras familias tras seren vendidas. Dúas divisións internas transformaron a nave principal en tres vivendas contiguas, sendo a orixe de diversas remodelacións que alterarían para sempre a estrutura e moitas das características orixinais do edificio. A día de hoxe consérvase a nave principal, tanto con modificacións internas como externas. Estas últimas dificultan a apreciación do pazo a simple vista, xa que en aparencia semellan diferentes casas e alpendres de materiais e revestidos variados. Porén, a súa fachada oeste, coa súa prominente cheminea e unha xanela no primeiro andar que conserva a ornamentación en cantería, e a día de hoxe a característica máis rechamante do Pazo do Fontelo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Plan Xeral de Ordenación Municipal de Frades, Concello de Frades