Aiazo, Frades

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 41°01′07″N 08°17′12″O / 41.01861, -8.28667

Aiazo
Vista de Aiazo.JPG
Casas de Fontelo nevadas
ConcelloFrades
Área4,9 km²
Poboación154 hab. (2018)
Densidade31,43 hab./km²
Entidades de poboación3

San Pedro de Aiazo é unha parroquia do concello de Frades. Segundo o INE, en 2018 tiña 154 habitantes (88 homes e 66 mulleres) distribuídos en 3 entidades principais de poboación (Fontelo, Fonsá e A Devesa).

Xeografía[editar | editar a fonte]

Aiazo sitúase no suroeste do concello de Frades (Comarca de Ordes), a 30 km de Santiago de Compostela, a 50 km da Coruña e a 72 km de Lugo. Ao sur está separado da comarca de Arzúa polo río Tambre, ao norte linda coas parroquias fradenses de Moar e Frades, polo leste coa parroquia de Gafoi e polo oeste co concello de Oroso. O relevo, condicionado polo paso dos ríos Maruzo (polo norte) e Tambre (polo sur), sobre unha zona dominada xeoloxicamente polo complexo dos xistos de Ordes, forma un territorio con suaves outeiros cuxas alturas van dos 267 msnm, na zona de A Hedra, no val do Tambre (suroeste de Aiazo) até os 356 msnm no Coto dos Cregos, no leste da parroquia ou os 355 msnm no Coto do Alto (oeste de Aiazo).[1]

En Aiazo conviven zonas de labranza e vivendas con masas forestais, onde predominan plantacións de eucaliptos e piñeiros, así como masas de bosque autóctono galego de caducifolios (carballo, bidueiro, ameneiro, salgueiro etc). O monte baixo de toxo e silva é pouco frecuente en Aiazo. Ademais, en Aiazo destacan os bosques de ribeira propios da cunca do Tambre á beira dos ríos Gairteiro, Tambre e Maruzo. A ribeira do Maruzo forma parte da Rede Natura 2000 Río Tambre, protección que se prevé que sexa ampliada a ribeira do propio río Tambre.

A historia do poboamento de Aiazo fálanos dun asentamento tradicional en núcleos rurais onde se concentraba a poboación nun terreo de pouco valor agrario e en torno a un acuífero. Historicamente Fontelo, Fonsá e A Devesa foron os de maior relevancia, obedecendo os 3 ás mesmas características de vivenda contigua e continua. Complementarios a estes apareceron tanto casas de labranza illadas, coma o caso de Os Pereiros, en A Devesa, ou O Casal, en Fontelo, como outros núcleos que irían adquirindo unha importancia crecente no tempo, é o caso de A Torre ou A Carballeira. Na segunda metade do século XX foron aparecendo diversas vivendas illadas, algunhas delas seguindo un ribbon development ao longo da estrada que une Ponte Carreira con Ordes, outras con forma de one off, e outras complementando núcleos, coma o caso dos chalés aparecidos en A Carballeira.[1]

Paisaxe de Aiazo.

Aiazo ten unha poboación con tendencia ao avellentamento, se ben nos últimos anos amosou resultados demográficos mellores ca os da súa contorna, rexistrando incluso retornados e inmigrantes de idade media. A crise de 2008, así como a mellora nos tempos de transporte por estrada a centros de traballo próximos, están a favorecer o retorno e inmigración na parroquia.

Clima[editar | editar a fonte]

O clima de Aiazo é oceánico, con abundantes precipitacións e temperaturas suaves, en torno aos 12 °C de media anual. Os invernos son frescos e chuviosos, con frecuencia a temperatura ronda ou baixa dos 0 °C polas noites, polo que hai abundantes xeadas e mesmo nevadas esporádicas de pouca importancia, mentres que os veráns son relativamente secos e cálidos, con temperaturas que superan con facilidade os 25 °C.

Poboación[editar | editar a fonte]

A Carballeira de Aiazo.

A poboación de Aiazo está relativamente espallada dentro da zona habitada e repártese nas seguintes aldeas ou lugares:

  • O Fontelo. Aldea de casas antigas e agrupadas en torno a unha rúa retorta e alongada que desemboca noutra máis ancha e recta. Fontelo ten varias casas despoboadas e algunha abandonada. En tempos pasados, este núcleo constituíase como un importante centro socioeconómico na súa contorna rural, especialmente durante os séculos XVII e XVIII e con anterioridade á constitución do municipio de Frades en 1834. Destaca o Pazo de Fontelo, mansión barroca de grande importancia nos anos de maior actividade na vila.
  • A Igrexa. Localizada en torno ao templo de San Pedro. Ten seis casas (ano 2010), das cales só dúas están habitadas durante todo o ano. Acolle a praza para festas locais, o cemiterio e os xardíns da igrexa.
  • A Devesa. Formada principalmente por casas antigas, algunhas restauradas ou reformadas.
  • Fonsá. Acolle unha mestura homoxénea de casas antigas, abandonadas e restauradas, e casas recentes. Destaca un pequeno pazo restaurado de propiedade privada (Pazo de Mariñas) e a Urbanización Maroño.
  • A Carballeira. Zona residencial ao norte de Fontelo, predominan vivendas de recente construción.
  • Galtar. Formada por catro casas de finais do século XX, todas elas ao longo dun camiño.
  • Estrada- Canizos. Zona de casas atravesada pola estrada AC-3803 que comunica Ordes con Ponte Carreira. Son na súa maioría casas antigas reformadas e casas recentes, algunhas de poucos anos.
  • A Pedra. Aldea con dúas vivendas e numerosas cortes que acollen a única explotación agrícola de Aiazo.
  • O Cadro. Son dúas vivendas preto da Pedra, nunha zona baixa, preto do río Tambre.
  • Liñares. Trátase de tres vivendas de nova planta.
  • A Torre. Ocupa un cruzamento de sendas e acolle cinco vivendas.
Residencias na Praza da Igrexa.

O lugar do Fontelo e a súa contorna é a zona máis poboada de Aiazo con 81 habitantes (INE, 2018), seguido de Fonsá e a súa contorna con 47 habitantes e por último A Devesa e a súa contorna con 26 habitantes.

Fonsá e o Pazo de Mariñas

No verán a poboación de Aiazo increméntase cos turistas ata case dobrarse, superando puntualmente as 300 persoas. Isto é debido fundamentalmente a que durante todo o século XX Aiazo foi, ao igual ca moitas outras zonas da Galiza, un destacado foco emisor de emigrantes. É así que existen hoxe pequenas comunidades de aiacenses en cidades como A Coruña ou Vigo, na Galiza, así como noutras cidades españolas e europeas entre as que destacan Barcelona (especialmente o municipio de Santa Coloma de Gramenet), Bilbao, Madrid, Londres, Aller, Zúric ou Hamburgo, ademais doutras cidades do mundo como Buenos Aires. Tamén viven aiacenses e descendentes en Francia e Portugal. En verán, un elevado número de emigrados e descendentes dos mesmos ocupan ducias de vivendas, algunhas baleiras durante o resto do ano.

Historia[editar | editar a fonte]

Ruínas da Casa Fogueteiro en A Carballeira

En Aiazo foron achados diversos xacementos arqueolóxicos dos tempos castrexos, coma o Dolmen de Aiazo, túmulo megalítico datado no neolítico, tratándose dun dos máis grandes e antigos de toda Galiza ou o Castro das Medorras, asentamento fortificado datado na Idade de Ferro, ademais doutros túmulos do neolítico e varios vestixios funerarios de épocas indeterminadas. Esta serie de xacementos testemuñan un moi antigo poboamento das terras que hoxe forman Aiazo, de máis de 5 000 anos, idade estimada do Dolmen de Aiazo ou Peneda de Guntín. Próxima a Aiazo foi achada unha mina romana, que da indicios dunha continuación do poboamento durante a civilización romana.[2]

Entre os séculos XVII e XIX construíronse en Aiazo diversas casonas e pazos de importancia na contorna, como unha aínda habitada casa barroca en Fontelo, que fora residencia dunha influente familia de carlistas con contactos en Santiago de Compostela e Madrid, ou a Casa Fogueteiro, casona barroca e en tempos pensión, abandonada na segunda metade do século XX, hoxe en avanzado estado de ruína mais catalogada pola súa importancia arquitectónica.[3]

No século XIX, Aiazo pasou a integrarse no municipio de Frades, que se formara ao ficaren unha serie de parroquias sen municipio na formación de municipios en toda España, e foron agrupadas nun novo municipio que recibiu este nome por situarse na parroquia de Frades un edificio cedido por unha importante familia local[4] para ser a casa consistorial do xove municipio, e que o segue sendo até a actualidade. Por Aiazo pasou desde a Idade Media un camiño entre Sobrado dos Monxes e Santiago de Compostela, mesmo camiño que dou nome á parroquia veciña de Frades e, por extensión, ao municipio enteiro, por ser a esta altura cando os frades que viaxaban de Sobrado a Santiago facían noite, nun camiño que duraba case 2 días. A Casa Fogueteiro foi no séculos XVIII e XIX unha pensión onde os frades durmían. Tamén no século XIX se construíu a Igrexa de San Pedro, lo lugar coñecido hoxe como A Igrexa; Trátase dun edificio barroco dunha soa nave con corpo lateral no lado norte da cabeceira para a sancristía, con muros de cachotería, hoxe recebados e pintados de branco, e esquinais enmarcados en cantería[5].

No século XX o camiño a Santiago perdeu tal importancia, especialmente tras a apertura e dinamización de novas vías para os automóbiles. Aiazo quedou entón recluída a parroquia agraria, sen máis importancia ca as veciñas, e destacando polo volume de poboación enviado á emigración ao longo do século XX. Na década dos 1950 comezaron en Aiazo os traballos de concentración parcelaria, finalizados a comezos dos 1990, que modificaron por completo a paisaxe de Aiazo.

Desde a década dos 1980 a estrutura socioprofesional de Aiazo foise modificando, á vez que diferentes retornados de migracións cara Europa ou destinos españois, investían en Aiazo en forma de construcións de nova planta. Nos anos 90 cobrou importancia a Asociación de Veciños de Aiazo, posteriormente denominada Asociación de Veciños Os Pasos de Aiazo. Este grupo de acción local dinamizou a vida en Aiazo dun xeito extraordinario, comezando pola inauguración da Área Recreativa Fluvial Os Pasos de Aiazo, o 23 de xullo de 1994, e que trouxo consigo o impulso de diversos eventos e celebracións que tiñan Os Pasos como centro, como a Festa dos Pasos (desde 1994) ou a Ruta de Senderismo (desde 1998). En xaneiro de 2005 tivo lugar a I Edición da Festa da Merenda, ideada por unha influente veciña dentro da Asociación de Veciños Os Pasos Aiazo, e que rapidamente se convertería no maior evento social e gastronómico de todo Frades e nun dos máis importantes de Galicia.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Ponte de Os Pasos no lugar de Porto Aiazo, antigo porto fluvial que comunicaba Lardeiros (O Pino) con Aiazo

Aiazo ten tres atractivos principais:

  • Un dolmen descuberto nos anos 90, destruído e situado a 500 m da Carballeira, no monte de Trasgaltar. O seu abandono foi denunciado por diversos colectivos en múltiples ocasións, tendo especial importancia a Associaçom Cultural Obradoiro da História, que ademais informou ao pobo da importancia do achado.[6]
  • Unha ruta de sendeirismo en proceso de rehabilitación paralela ao río Tambre e que continúa polo resto do concello de Frades.
  • Unha área recreativa fluvial á beira do Tambre, que atrae numerosos turistas no verán; chámase Os Pasos e foi inaugurada en 1994. Cada ano a asociación veciñal Os Pasos organiza unha festa para conmemorar a inauguración do lugar. Os Pasos, desde 1994 sufriu unha evolución constante que a levou a converterse, ademais dun símbolo de identidade para todos os aiacenses e xentes de parroquias lindeiras, nunha praia fluvial e área de lecer de referencia na área de Compostela.

Outros lugares de interese en Aiazo son a Peneda da Hedra, cova natural limítrofe co concello de Oroso onde viviu un zapateiro [7], ou os diversos muíños ao longo do río Maruzo, moitos deles aínda con moa, entre os que destaca o Muíño das Mestas.

Economía[editar | editar a fonte]

Aiazo é unha parroquia residencial caracterizada pola multitude de movementos pendulares diarios por motivos laborais cara a áreas urbanas coma a da Coruña ou Santiago de Compostela, ademais de a outras zonas máis próximas coma á vila de Ordes. Na parroquia as actividades agrarias teñen unha importancia marxinal, só destacando o SAT A Pedra, con máis de 100 cabezas de vacún, o que supón unha diferenza con respecto ao resto do municipio onde estas actividades teñen unha relevancia moito maior. Aiazo é ao mesmo tempo sede de varias PEMES do sector servizos e do sector secundario así como dunha gran empresa da silvicultura.

Festas locais e cultura[editar | editar a fonte]

En Aiazo celébranse distintos eventos tanto relixiosos como gastronómicos e culturais, grazas a unha activa participación da poboación. Destacan:

  • Festa da Merenda; gastronómica. Celébrase sempre o Domingo de Ramos. Veciñas voluntarias elaboran "merendas" e ofrécese unha degustación gratuíta con música. É o evento cume de Aiazo e atrae milleiros de visitantes[8]. Nas últimas edicións, foi incorporada a Foliada da Merenda, onde o grupo Sarillo de Aiazo fai de anfitrión nunha foliada, durante a tarde, onde participan diversos grupos de música tradicional e folclórica. Este evento, celebrado nunha pequena parroquia, converteuse nun dos máis importantes de toda Galicia, ao superarse, na edición de 2014, os 8000 visitantes estimados (máis de 4000 automóbiles) e as 1500 merendas preparadas.[9]
  • San Pedro; relixiosa, celebrada durante 2 días a finais de xuño.
  • Festa dos Pasos; en conmemoración da inauguración da área recreativa, celébrase o sábado máis próximo ao 23 de xullo; organízase un xantar ao aire libre e pola noite faise un baile.
  • A Ruta; a principios de agosto organízase unha ruta por lugares próximos a Aiazo e despois unha comida nos Pasos seguida de xogos populares pola tarde.[10]
  • San Roque; relixiosa, celebrada un domingo a finais de agosto.
  • Magosto; gastronómica. Os veciños preparan comida propia do outono e ofrécese unha degustación no local social (A Carballeira).

Sarillo de Aiazo[editar | editar a fonte]

O grupo Sarillo de Aiazo é unha agrupación de música folclórica en Aiazo. Ten arredor de 20 de membros de diferentes idades que se reúnen semanalmente no centro social de Aiazo para ensaiar e actúan en diversos eventos da contorna.

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Parroquias de Frades[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Frades

Abellá (Santo Estevo) | Aiazo (San Pedro) | Añá (Santa María) | Céltigos (San Xulián) | Frades (San Martiño) | Gafoi (Santa Mariña) | Galegos (San Martiño) | Ledoira (San Martiño) | Mesos (San Salvador) | Moar (Santaia) | Papucín (Santa María) | Vitre (San Xoán)

Lugares de Aiazo[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Aiazo no concello de Frades (A Coruña)

O Casal | A Devesa | Fonsá | O Fontelo | A Igrexa | A Torre


Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 López Carro, M.R. et al., 2012. Mapa de bosques e aldeas de Aiazo
  2. Catálogo arqueolóxico do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Frades.
  3. Catálogo arquitectónico do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Frades
  4. "Frades nombra a José María Botana hijo predilecto" La Voz de Galicia.
  5. Catálogo de arquitectura relixiosa do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Frades
  6. ""Denuncian el abandono de los restos de uno de los mayores dólmenes de Galicia"". Arquivado dende o orixinal o 26/05/2015. Consultado o 06/11/2011. 
  7. PAZOS, M. e PEREIRO, D., 2004. Concello de Oroso. Guía histórica en imaxes. Asociazón cultural Obradoiro da História. 1ª ed.
  8. "La Festa da Merenda de Aiazo congregó a tres mil personas"
  9. "La Merenda de Azaio se supera a sí misma"
  10. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2016. Consultado o 08 de marzo de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]