Pazo das Torres do Comareiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 43°03′44.7″N 8°59′03.3″O / 43.062417, -8.984250

Pazo das Torres do Comareiro
ConcelloVimianzo
ProvinciaA Coruña
Estilo arquitectónico
Estilo orixinalséculo XVI
Estilo actualséculo XVIII

O pazo das Torres do Comareiro é un conxunto pacego da parroquia de Serramo, Vimianzo.

Descrición[editar | editar a fonte]

Construído no século XVI, na actualidade non conserva o seu elemento máis característico: as súas torres. O abandono deixouno nunha completa ruína e así hoxe é un edificio de planta rectangular alongada dividido entre distintos propietarios que o reconstruíron cadansúa parte con distintos criterios.

Distínguense dúas partes ben diferenciadas polo tipo de materiais de construción: a primeira de perpiaños de granito de cantería e outra con cachotería de granito. A cuberta por un lado é tellado, pois ten tella, pero polo outro está cuberto de fibrocemento. Malia isto, aínda conserva elementos propios da arquitectura pacega: cornixas molduradas, unha fiestra en arco de medio punto e unha porta -no lado este- rematada en arco de medio punto de grandes doelas.

Tamén conserva unha sinxela cheminea de cantería sen elementos decorativos. Na recuperación do lugar atopouse o escudo de armas onde se representan lobos e unha árbore sobre unha ponte de tres arcos.

Historia[editar | editar a fonte]

O fundador do vínculo de Comareiro (1580) foi Gonzalo de Pazos e Señoráns. Logo sucedeuno Gómez de Rioboo Vilardefrancos, capitán e meiriño dos condes de Altamira en Vimianzo. Os seus descendentes tiveron relación coa casa de Trasariz e co pazo de Xora.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Espazo Oficial de Turismo do Concello de Vimianzo, Terra de Soneira, Costa da Morte.". www.vimianzo.es. Consultado o 2017-04-19. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]