Papiros Kahun

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fragmento dos papiros de Kahun.
Papiro de Kahun VI, tratado médico da Dinastía XII. (University College de Londres).

Os papiros de Kahun (tamén chamados papiros de Lahun) son unha colección de antigos textos exipcios redactados en escritura hierática, encontrados o ano 1889 na vila obreira de Lahun (ou Kahum, como se coñece habitualmente), Exipto, polo exiptólogo Flinders Petrie. Reproducen outros escritos máis antigos e inclúen, entre outras cosas, un tratado de matemáticas e outro de obstetricia, que revelan coñecementos médicos cuxa orixe pode remontarse até o 3000 a. C.

Consérvanse no University College de Londres. Esta colección de papiros é unha das máis grandes encontradas até hoxe. A maioría dos textos están datados en ca. 1825 a. C., até o reinado de Amenemhat III. En xeral, a colección abarca o Imperio Medio de Exipto.[1]

Sobre a denominación[editar | editar a fonte]

A cidade de Hetep Senusret, situada no que hoxe é o poboado da rexión de Al Fayum chamado en árabe al-Lāhūn, foi escavada en 1888-1889 por Flinders Petrie, quen transcribiu equivocadamente o nome por Kahun, denominación que se transmitiu a unha parte considerábel da bibliografía.

Descrición dos papiros[editar | editar a fonte]

Fragmentos do papiro Kahun de veterinaria.

Os fragmentos foron restaurados e traducidos por F. L. Griffith,[2] aínda que algúns foron imposíbeis de descifrar polo seu mal estado de conservación.

Os textos abarcan unha gran variedade de temas:

  • Documentos sobre o culto ao faraón Sesostris II.
  • Himnos ao faraón Sesostris III.[3]
  • O papiro de Kahun xinecolóxico ocúpase das enfermidades xinecolóxicas.[4]
  • Un papiro veterinario.[5]
  • Unha lista de festas do último Reino Medio.[6]
  • Os papiros de Kahun matemáticos son unha colección de textos matemáticos.

O contido matemático analízase con todo detalle no libro de Sylvia Couchoud, Mathématiques Égyptiennes. Recherches sur les connaissances mathématiques de l’Égypte pharaonique,[7] que analiza tamén o contido matemático do papiro de Rhind, o papiro de Moscova e outros.

Comprenden:

  • Cálculos da división de dous por cada número impar de 3 a 21 (fragmento IV, 2),
  • Posíbel cálculo do volume dun contedor cilíndrico de cereais (fragmento IV, 3).
  • Resolución da ecuación 1/2 x - 1/4 x = 5 (fragmento IV, 3)
  • A raíz cadrada aparece representada por primeira vez.

Tamén dan conta dunha serie de observacións médicas e veterinarias e de remedios que se utilizaban no antigo Exipto para tratar problemas de xinecoloxía e obstetricia, como o tratamento das enfermidades da vaxina e do útero, así como métodos para o diagnóstico do embarazo e a determinación do sexo do feto, e se dá unha receita para un preparado contraceptivo: un supositorio vaxinal feito con feces de crocodilo, mel e carbonato de sodio. É o primeiro documento escrito acerca da influencia da música sobre o corpo humano.

Os papiros testemuñan a presenza da veterinaria no antigo Exipto. Describen enfermidades do gando e o seu tratamento, así como enfermidades de animais de compañía, como cans e gatos. Ademais de ritos máxicos, os tratamentos preventivos e curativos de doenzas dos animais incluían baños fríos e quentes, fregas, cauterizacións, sangrías, castración, redución de fracturas, etc.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lahun Papyrus Collection, University College, London
  2. Véxase bibliografía.
  3. Hymns to king Senusret III, University College, London
  4. A Healing Papyrus, University College, London
  5. Veterinarian Papyrus, University College, London
  6. Lahun Papyrus Collection at University College, London
  7. Couchoud, Sylvia (2004): Mathématiques Égyptiennes. Recherches sur les connaissances mathématiques de l’Égypte pharaonique. Paris: Éditions Le Léopard d’Or. ISBN 2-863777-118-3.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Papiros Kahun

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Callender, Gae (2000): "El renacimiento del Reino Medio (c. 2055-1650 a.C.)" in Historia Oxford del Antiguo Egipto. Ian Shaw (ed.). La Esfera de los Libros, S. L. , 2007. ISBN 978-84-9734-623-8.
  • Couchoud, Sylvia (2004): Mathématiques Égyptiennes. Recherches sur les connaissances mathématiques de l’Égypte pharaonique. Paris: Éditions Le Léopard d’Or. ISBN 2-863777-118-3.
  • Gillings, Richard J. (1972): Mathematics in the Time of the Pharaohs. Boston, MA: MIT Press. ISBN 0-262-07045-6.
  • Griffith, Francis Llewellyn (1898): The Petrie Papyri. Hieratic Papyri from Kahun and Gurob. Text., 5–14. London: Quatrich.
  • Griffith, Francis Llewellyn (1898): The Petrie Papyri. Hieratic Papyri from Kahun and Gurob. Plates., Pl. 5–7. London: Quatrich.
  • Peet, T. E. (1923): "Arithmetic in the Middle Kingdom", in J. Egyptian Arch. 9, 91-95.
  • Sánchez Rodríguez, Ángel (2000): Astronomía y matemáticas en el antiguo Egipto. Medellín, Colombia: Aldebarán. ISBN 84-95414-08-2.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]