Papiro de Moscova

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O papiro de Moscova é, xunto co de papiro de Rhind, o máis importante documento matemático do antigo Exipto.

Papiro de Moscova.
Volume da pirámide truncada.

Comprouno Golenishchev o ano 1883, a través de Abd-el Radard, unha das persoas que descubriu o agocho de momias reais de Deir el-Bahari. Orixinalmente coñecíase como Papiro de Golenishchev pero, desde 1912, cando acabou no Museo de Belas Artes de Moscova (nº 4576), coñécese como papiro de Moscova.

Con cinco metros de lonxitude e tan só oito centímetros de largo consta de vinte e cinco problemas matemáticos, aínda que algúns están demasiado danados para poderen ser interpretados. O papiro foi escrito en escritura hierática en torno ao ano 1890 a. C., durante a dinastía XII, por un escriba exipcio descoñecido, que non era tan meticuloso como Ames, o escriba do papiro de Rhind. Descoñécese o obxectivo co que foi escrito.

Dos 25 problemas de que consta hai dous que destacan sobre o resto; son os relativos ao cálculo do volume dunha pirámide truncada (problema 14º), e a área dunha superficie parecida a un cesto (problema 10º). Este último é un dos problemas máis complicados de entender, pois non é clara a forma, e se a figura buscada fose un cesto ou un hemisferio entón sería o primeiro cálculo de tal superficie coñecido.

No problema 14º do papiro de Moscova pídese calcular o volume dun tronco de pirámide de base cuadrangular. O escriba exipcio expón os pasos: eleva ao cadrado 2 e 4 (t², b²), multiplica 2 por 4 (tb), suma os anteriores resultados (t² + b² + tb), e multiplica por un terzo de 6 (h/3); finaliza dicindo: "ves, é 56, calculáchelo correctamente". En notación alxébrica moderna sería: V = h (t² + b² + tb) / 3

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Clagett, Marshall (1999): Ancient Egyptian Science: A Source Book. Volume 3: Ancient Egyptian Mathematics. Memoirs of the American Philosophical Society 232. Philadelphia: American Philosophical Society. ISBN 0-87169-232-5.
  • Couchoud, Sylvia (2004): Mathématiques Égyptiennes. Recherches sur les connaissances mathématiques de l’Égypte pharaonique. París: Éditions Le Léopard d’Or. ISBN 2-863777-118-3.
  • Gillings, Richard J. (1972): Mathematics in the Time of the Pharaohs. Boston, MA: MIT Press. ISBN 0-262-07045-6.
  • Gunn & Peet (1929): Journal of Egyptian Archaeology, 15: 176.
  • Sánchez Rodríguez, Ángel (2000): Astronomía y matemáticas en el antiguo Egipto. Medellín, Colombia: Aldebarán. ISBN 84-95414-08-2.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]