O pé é a unidade métrica cuantitativa do versogrego ou latino, formado por un número reducido de sílabas longas e breves (de dúas a catro). En cada pé hai dous tempos, un de elevación e outro de descenso.
O nome procede de que, nas cancións acompañadas de danza, o pé servía para marcar o ritmo.
O pé divídese en dous semipés. Crese que os dous semipés tiñan igual intensidade e, por tanto, o ritmo viña determinado unicamente pola alternancia entre breves e longas. En cada pé, unha das sílabas determina o descenso ou golpe, que marca o ritmo (o «tempo forte»). Outra sílaba marca a elevación (o «tempo débil»). Se aparece primeiro o tempo forte denomínase ritmo descendente; se non, trátase de ritmo ascendente.
As unidades de medida chamábanse moras e eran unha para as breves e dúas para as longas. Se teñen menos de seis moras os pés denomínanse simples e se teñen máis de seis, compostos (ou metros). Entre os pés compostos, o máis utilizado é o docmio.