Saltar ao contido

Osteocito

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sección transversal de óso. Os puntos vermellos son osteocitos.

Os osteocitos son células do tecido óseo orixinadas a partir da diferenciación dos osteoblastos, que á súa vez derivan das células osteoproxenitoras. Todos estes tipos celulares, xunto cos osteoclastos (de distinta orixe), constitúen os elementos celulares do tecido óseo.

Localización

[editar | editar a fonte]

Poden atoparse situados en cavidades da matriz ósea, denominadas lagoas osteocitarias ou osteoplastos. A diferenza dos osteoblastos, os osteocitos están conectados uns con outros e co resto das células óseas, por medio de longas prolongacións citoplasmáticas delgadas e unións comunicantes denominadas unións gap, formando un sincitio. Os canalículos da matriz polos que discorren as prolongacións citoplasmáticas denomínanse calcóforos. Tanto nas lagoas coma nos calcóforos hai líquido entre a matriz e as células (líquido intersticial).

O sistema de conexión que posúen é o axeitado para poder levar a cabo un intercambio de metabolitos (ións) entre elas, xa que non poden moverse na matriz.

Características

[editar | editar a fonte]

Estas células non se poden dividir, polo que só se pode ver en cada lagoa un só osteocito. O citoplasma é lixeiramente alongado e basófilo, cunha enorme cantidade de prolongacións citoplásmicas; teñen pouco desenvolvido o retículo endoplasmático rugoso e o aparato de Golgi; ademais hai pequenas pingas de lípidos e pequenas cantidades de glicóxeno [1]. Teñen a capacidade de segregar ou reabsorber a matriz ósea que os circunda, de feito podería dicirse que estas células son osteoblastos que quedaron atrapados na súa propia substancia de secreción. Malia a distancia que hai entre os osteocitos, e da cantidade de matriz que os separa, estes permanecen en contacto a través de pequenas canles que hai ao longo do óso. A comunicación dos osteocitos é importante para controlar a cantidade de óso que se forma e deteriora.

Canto un osteocito se libera da súa lagoa ósea debido a unha reabsorción do óso ou unha fractura, pode reiniciar unha actividade biosintética moi activa e converterse en osteoblasto.

  1. D.W. Fawcett. Tratado de Histología. Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición (1987). Páxinas 210-212. ISBN 84-7605-361-4

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  • BUHistology - 02003loa [1]
  • "Cartilage and Bone and Bone Histogenesis: cells of [2]
  • "Cartilage and Bone and Bone Histogenesis: compact bone"* =D Histology at ou.edu