Os mouros no imaxinario popular galego

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os mouros no imaxinario popular galego
Autor/aMar Llinares García
OrixeGaliza
LinguaGalego
ColecciónBiblioteca de Divulgación.
Tema(s)Galicia
Xénero(s)Ensaio
EditorialUSC
Data de pub.1990
FormatoTapa branda
Páxinas106
ISBN978-84-7191-604-4
editar datos en Wikidata ]

Os mouros no imaxinario popular galego é un ensaio de Mar Llinares García publicado en 1990. O texto inclúe datos sobre os mouros, uns antigos, ricos e lendarios poboadores da antiga Gallaecia.

Foi reeditado en 1992 dentro da Biblioteca 114 de El Correo Gallego, co número 31, co título, algo máis curto, de Os mouros no imaxinario popular.

Contido[editar | editar a fonte]

Segundo a mitoloxía popular galega, os mouros son seres que habitan en lugares onde a vida humana non se pode levar a cabo, como baixo da auga ou da terra, así como en pazos e castelos xigantes feitos nalgunhas ocasións de ouro. Deixaron a súa pegada en lugares como petróglifos e mámoas. A eles atribúeselles a construción de diversos túneles polos que se desprazaban de castro en castro, e nos que agochaban tesouros.

As súas actividades tiñan un certo parecido coas humanas e consistían basicamente en cociñar, manter o gando e as terras. Todos os seus utensilios (arados, xugos, ou mesmo potas e cubertos) son de ouro. Cando necesitan a axuda dos humanos, como pode ser para asistir a un parto ou para a matanza do porco, non dubidan en facelo. A relación que manteñen cos humanos non é moi ampla, pero si que negocian entre eles, e os mouros sempre lle pagan os servizos aos humanos en ouro.

Respecto dos tesouros, estes están case sempre encantados, e o que consiga desencantalo será o beneficiado. A forma de sinalar un tesouro pode ser a través dunha galiña cos seus pitiños, que pode ser o sinal da existencia do tesouro ou ser o mesmo tesouro baixo un encanto. Estes tesouros normalmente sitúanse nos lugares de habitabilidade frecuente do mouros e poden consistir en cadeas, trabes ou fíos de ouro, e tamén en forma de animal, que se transforma en ouro ao ser desencantado.

As mouras tamén teñen un papel moi importante no imaxinario galego, xa que son “supermulleres” dunha gran beleza. Caracterízanse por ter o pelo roxo e a pel moi clara. Tamén se compara coa muller humana, que realiza as tarefas da casa que non son nada recoñecidas por parte dos seus homes, pero son as que levan as contas da casa. As mouras adoitan aparecérselles aos homes en forma de animais para tentalos a desencantalas normalmente dicíndolles que lle quitara unha flor da boca e así poder casar coa moura. Se o home o facía, casaría con ela e faríase rico.

O libro remata cunha serie de relatos sobre o nomeado anteriormente.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]