Ordoño Vermúdez
Nome orixinal | (gl) Ordonho Bermudes |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | século X |
Morte | 1042 (Gregoriano) |
Actividade | |
Ocupación | aristócrata |
Familia | |
Familia | Dinastía ástur-leonesa |
Cónxuxe | Fronilde Peláez |
Fillos | Ximena Ordóñez, Sancho Ordóñez |
Pai | Vermudo II |
Irmáns | Afonso V o Nobre Cristina Vermúdez |
Ordoño Vermúdez (fl. 1001–1042) foi un dos fillos que tivo fóra do matrimonio o rei Vermudo II. Aínda que non se coñece o nome da súa nai, probablemente foi membro da nobreza galega como suxire un documento do mosteiro de Samos, onde os seus descendentes e os da familia Vela-Ovéquiz compartían unha herdanza común baseada nunha liña consaguinitatis (liñaxe).[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Membro relevante da curia regis ata polo menos 1032, Ordoño aparece por primeira vez na documentación medieval en 1001 cando actuou como testemuña nun litixio xudicial entre os condes Rodrigo Romániz e Ximena Ximénez. Comezou a confirmar cartas reais en 1024 como mordomo maior do seu irmán, o rei Afonso V. Trala morte do rei en Viseu en 1028, Ordoño aparece en 1029 exercendo a mesma función na corte do seu sobriño, o rei Vermudo III.[1]
Matrimonio e descendencia
[editar | editar a fonte]Ordoño casou con Fronilde Páez, filla do conde rebelde Paio Rodríguez e con Gotina Fernández de Cea, filla de Fernando Vermúdez de Cea.[1] Este matrimonio deu lugar á estirpe dos Ordóñez, unha das máis importantes da Galiza medieval. No ano 1042, Ordoño e Fronilde fixeron unha doazón ao mosteiro de Santa María Virxe en León, acompañados dos nenos que aínda vivían nesa data que confirmaron a carta como: Ueremundo Ordoniz, Sanctio Ordoniz et Fredenando Ordoniz et Xemena Ordoniz. Os sete fillos que naceron deste matrimonio foron:[1]
- Vermudo Ordóñez, que casou con Sancha Ériz.
- Afonso Ordóñez (morto antes de 1042), conde.
- Paio Ordóñez (morto antes de 1042), casado con Corexia coa que tivo unha filla, Mariña Páez que se fixo monxa.
- Sancho Ordóñez (morto c. 1080), conde, casado con Onecca Ovéquiz, filla de Oveco Vermúdez e da súa muller Elvira Suárez. Tiveron varios fillos, entre eles o conde Oveco Sánchez e Fronilde Sánchez, esta última casada co conde Nuño Velázquez, pais de varios fillos, entre eles o conde Afonso Núñez.
- Fernando Ordóñez (morto c. 1059), marido de Fronilde Gutiérrez, filla do conde Goterre Afonso.
- Oveco Ordóñez (morto antes de 1042).
- Ximena Ordóñez (morta antes de 1074), foi a primeira muller de Muño Rodríguez, fillo do conde Rodrigo Romániz e da condesa Elvira Rodríguez. Tras a morte de Elvira, Muño casou con Ilduara Velázquez.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Torres Sevilla-Quiñones de León, Margarita Cecilia (1999). Linajes nobiliarios de León y Castilla: Siglos IX-XIII. Junta de Castilla y León, Consejería de educación y cultura. ISBN 84-7846-781-5.
- ↑ Salazar y Acha, Jaime de (1989). "Los descendientes del conde Ero Fernández, fundador del Monasterio de Santa María de Ferreira de Pallares". El Museo de Pontevedra. ISSN 0210-7791.