Saltar ao contido

Ondas Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ondas Galicia
TipoCadea de radio
Data de fundación1982
SedeSantiago de Compostela
PaísGalicia
editar datos en Wikidata ]

Ondas Galicia foi unha cadea de radios galegas existente entre 1982 e 1987. Vinculada á SER e a varios xornais galegos, foi a primeira rede de emisoras privadas galegas que producía enteiramente a súa programación dende Galicia.

A idea de crear unha cadea privada de radios galegas foi proposta por Ramón Varela Pol, conselleiro delegado da SER e natural de Santiago de Compostela. Para artellala conformouse unha compañía en cuxo accionariado participaban: La Región, El Correo Gallego, El Progreso, Faro de Vigo, a SER e as súas emisoras asociadas en Galicia. O presidente do Consello de Administración foi José Luis Outeiriño e o primeiro director foi Fernando Madriñán.

Ondas Galicia comezou a emitir o 22 de novembro de 1982 cando se inaugurou os estudios de Santiago de Compostela, estación central da cadea. A radio fórmula predominaba na programación e cada unha das emisoras (Santiago, Lugo, Ourense, Vigo e A Coruña) contaba con seis horas para a produción propia. Transmitía tres informativos de media hora ao longo do día, o das 20 horas en lingua galega, ademais de boletíns máis breves en cada hora. Destacou o programa deportivo dirixido por Xesús Lodeiro Cisneros. Entre outros profesionais traballaron en Ondas Galicia: Pepe Domingo Castaño, Xosé Manuel Pereiro, Pemón Bouzas, Moncho Lemos, Marina Castaño e Aida Pena.

Con todo, os resultados da explotación da cadea non satisfaceron os obxectivos iniciais. Así no ano 1986, a SER adquiriu a totalidade das accións e puxo como director a Javier Asenjo González, e a partir de 1987 a cadea mudou de denominación e acolleu a retransmisión de Radio Minuto.[1] Dende o mes de xullo de 1991, as frecuencias locais foron explotadas directamente polas emisoras galegas asociadas á SER, emitindo moitas delas a sintonía de M80 Radio a partir de 1993.

  1. "Las privadas autonómicas: Ondas Galicia". La lista de la FM (en castelán). 2022-11-25. Consultado o 2023-04-08. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Blanco Campaña, X. L. (1999). Historia da radio en Galicia. Edicións Lea. pp. 278–279. ISBN 84-89947-73-2.