Once é un filme irlandés dirixido por John Carney que se estreou no 2007. Está protagonizado por Glen Hansard e Markéta Irglová que interpretan a dous músicos que se coñecen en Dublín, Irlanda. Hansard e Irglová xa tiñan colaborado xuntos como músicos no grupo Swell Season, e eles compuxeron e interpretaron as cancións orixinais do filme.
Once estivo varios anos en desenvolvemento no Irish Film Board e tivo un orzamento de €112000. Foi un éxito comercial, acadando importantes recadacións nos Estados Unidos. Recibiu premios como o premio Spirit ó mellor filme estranxeiro no ano 2007. A canción de Hansard e Irglová "Falling Slowly" gañou o Oscar á mellor canción orixinal, e a banda sonora conseguiu un nomeamento ós Premios Grammy.
Glen Hansard interpreta a un cantante e compositor que actúa nas rúas de Dublín, cando non está traballando na tenda do seu pai (Bill Hodnett). Durante o día, para gañar algúns cartos, interpreta temas coñecidos para os transeúntes, pero polas noites, toca os seus propios temas nos que fala de como o deixou a súa moza. O seu talento non pasa desapercibido a unha inmigrante checa (Markéta Irglová) que vende flores na rúa. Ela tampouco tivo sorte no amor e, para sentirse un pouco mellor, escribe cancións sobre o tema, pero, a diferenza de Glen, nunca as interpreta en público. Os dous acaban de improviso facendo un dueto nunha tenda de música, e será entón cando descubran que hai algo os une.