Richard Tyler, un neno de 10 anos de idade, vive obsesionado polas estatísticas e ten medo practicamente a todo. Os seus pais exasperados tentaron varias formas de darlle valentía ó seu fillo, pero teñen pouco éxito. O pai de Richard mándao mercar unha bolsa de cravos para que el poida construír unha casa na árbore. Pero Richard vese atrapado nunha treboada e refúxiase na biblioteca. Alí coñece o Sr. Dewey, un excéntrico bibliotecario que procura rapidamente un libro axeitado para Richard e dálle un carné de biblioteca. Porén Richard non quere ningún libro; só quere chamar os seus pais e volver para a casa. O Sr. Dewey indícalle ó rapaz onde hai un teléfono. Richard vaga polos corredores buscándoo, ata que dá cunha gran rotonda, cuxa bóveda está pintada con personaxes de ficción clásicos. Richard non se decata da auga que pinga dende o seu abrigo, e ó moverse cae dando coa cabeza no chan e queda inconsciente. Cando esperta, atopa as pinturas da rotonda desfacéndose, chorreando e formando unha onda de cor que o transforma a el e á biblioteca en debuxos.
Richard é abordado polo Gardián das Palabras, que o envía a unha viaxe na sección de ficción para atopar a "saída". Ó longo do camiño, Richard faise amigo de tres libros "humanizados"; Aventura, un libro pirata; Fantasía, un libro de contos de fadas; e Terror, un libro de medo. Os tres acordan axudar a Richard a atopar a saída se lles promete sacalos da biblioteca co seu carné.