O Gran Suxi (ミスター味っ子, Misutā Ajikko) é un anime baseado nun manga de Daisuke Terasawa que se publicou na revista Shonen Magazine e que se recompilou en 19 tomos. A serie de televisión foi emitida orixinalmente entre 1987 e 1989 no Xapón, e contaría cun total de 99 episodios. En Galiza foi emitida a partir de 1994 na TVG dentro do contedor Xabarín Club. O 11 de outubro de 2010, reestrease a serie na canla tvG2 dentro tamén no devandito programa.
A historia xira ó redor de Suxi (Yôichi Ajiyoshi, na versión orixinal), un rapaz que ten un don para a cociña e que, xunto á súa nai, rexenta un pequeno restaurante. A tranquila vida de Suxi dá un xiro inesperado cando un dos críticos culinarios máis prestixiosos do Xapón, Aji-ô, fica pampo e marabillado tras probar un prato de katsudón (un porco rebozado con ovo sobre unha base de arroz) que lle prepara o pequeno cociñeiro.
A historia gañou o premio ao mellor Shōnen na edición de 1988 dos Premios Kōdansha.
Suxi vive só coa súa nai nun restaurante desde que o seu pai desapareceu no mar. Suxi prosegue os pasos do seu pai, un gran cociñeiro, entón, pasa a se-lo cociñeiro do restaurante. Para defendelo fronte á competencia, terá que lograr gañar concursos entre restaurantes e á vez pasmar a Aji-ô, un prestixioso crítico culinario. A partir dese intre, Suxi irá a través do país para defender os valores dos pequenos restaurantes e doutros grandes cociñeiros. Asemade, continuará a súa viaxe culinaria co coitelo dunha famosa fabricante.
Despois dunha vitoria e a ledicia de ter obtido o seu propósito, Suxi comeza un nova viaxe.