Now And Then

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
«Now And Then»
Single de The Beatles
Lanzamento 2 de novembro de 2023
Formato 7", 12", casete e streaming
Gravada Voz: 1979; Guitarra rítmica: 1995; Baixo, cordas, batería e guitarra: 2023
Xénero musical {{{xénero}}}
Lingua(s) {{{lingua}}}
Duración 4:08
Discográfica Apple Records e Universal Music Group
Produtor(es) Jeff Lynne, Giles Martin e Paul McCartney
Escritor(es) John Lennon
Miscelanea {{{miscelanea}}}

"Now and Then" é unha canción da banda británica The Beatles, que foi lanzada o 2 de novembro de 2023 como un single con dobre cara A, xunto cunha nova mestura do primeiro single da banda, Love Me Do. Cualificada como "a derradeira canción dos Beatles", foi escrita e gravada nun primeiro momento, como demo, por John Lennon, a mediados da década dos 70. Esta primeira versión, gravada nunha cinta de casete na casa de Lennon, contaba tan só coa súa voz e un acompañamento a piano.

Durante a década dos 90, no marco do proxecto Anthology, George Harrison, Paul McCartney e Ringo Starr traballaron xuntos en tres demos que a viúva de John Lennon conservaba no seu poder. Dúas delas, especialmente Free as a Bird e Real Love, saíron á luz como sinxelos nesa mesma década, mentres que os traballos de Now and Then foron abandonados debido á baixa calidade da gravación, ficando a canción inacabada durante case tres décadas.

Grazas á tecnoloxía de restauración de son baseada en intelixencia artificial desenvolvida por Peter Jackson e o seu equipo durante a elaboración da serie documental The Beatles: Get Back conseguiuse a calidade sonora necesaria para volver traballar na canción.

Composición orixinal[editar | editar a fonte]

John Lennon escribiu Now and Then na segunda metade da década dos 70, gravándoa como maqueta nunha cinta de casete doméstica na súa vivenda do edificio Dakota, na cidade de Nova York. A letra da canción é típica das composicións tardías de John Lennon, amosando un ton de arrepentimento nas súas cancións de amor. Nesta gravación, a voz de Lennon quedaba opacada polo acompañamento a piano, ademais de incluír un zunido arredor da banda dos 50 Hercios.

A versión de The Beatles[editar | editar a fonte]

En xaneiro de 1994, Yoko Ono, viúva de John Lennon, entregoulle a Paul McCartney dúas cintas de casete que contiñan gravacións con cancións que Lennon nunca rematou, polo que nunca foran publicadas. Nunha delas atopábanse as cancións Free as a Bird e Real Love, publicadas como sinxelos de The Beatles e como cancións de apertura para os álbums Anthology 1 e 2 respectivamente. Na outra cinta incluíanse a canción Grow Old with Me, que foi inmediatamente descartada por ser xa publicada no álbum póstumo Milk and Honey, e Now And Then.

Durante as sesións de Anthology, tanto George Harrison, como Paul McCartney e Ringo Starr traballaron en Now And Then. Porén, a falta de tempo, a pésima calidade do son e a imposibilidade de desacoplar o acompañamento en piano da voz de Lennon cos medios da época acabaron por obrigar ao trío a abandonar os traballos na canción, a petición de George Harrison.

Durante as dúas décadas seguintes, diversos rumores e comentarios do persoal que traballou nas gravacións durante os noventa mantiveron viva a idea de que Now And Then podería ser publicada nalgún momento.

Anuncio e promoción[editar | editar a fonte]

En xuño de de 2023, Paul McCartney asegurou nunha entrevista que conseguiran utilizar a voz de John Lennon mediante o uso de técnicas de son con intelixencia artificial[1], coa meta de crear a "derradeira canción dos Beatles". Ante as críticas e as dúbidas provocadas por estas declaracións, McCartney pronto desvelou que a voz de Lennon non fora recreada mediante intelixencia artificial, senón que "todo é real" e simplemente a IA fora utilizada para recuperar a voz de Lennon.

O 25 de outubro, as redes sociais de The Beatles, así como as páxinas de todos os seus compoñentes foron o primeiro aviso dun novo lanzamento. A publicación consistía nun casete cunha etiqueta branca e laranxa, o logo da discográfica Apple, cos seus detalles difuminados. Para o día seguinte o secreto fora revelado oficialmente: un novo sinxelo con dobre cara A, no que figuran a inédita Now And Then e un novo remix de Love Me Do (o primeiro sinxelo da banda). O lanzamento foi anunciado para o día 2 de novembro, coa sopresa adicional da publicación dunha curtametraxe documental sobre o proceso de creación de Now And Then no día anterior.

Ademais disto, o día do lanzamento de Now And Then anunciouse un vídeo musical dirixido por Peter Jackson para o día seguinte.

  1. Taylor, Derrick Bryson (2023-06-13). "Paul McCartney dice que la ‘última’ canción de los Beatles se hizo con ayuda de inteligencia artificial". The New York Times (en castelán). ISSN 0362-4331. Consultado o 2023-11-06.