Saltar ao contido

Nosa Señora do Rosario

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nosa Señora do Rosario
Imaxe
 Instancia de
Obra
 Representado por
Biografía
 Relixión
Identificadores
Freebase/m/0d4jmh Editar o valor en Wikidata
Wikidata C:Commons

Nosa Señora do Rosario, referida comunmente como Virxe do Rosario, é unha advocación da Virxe María venerada na Igrexa católica, que celebra o 7 de outubro a súa festa.

Conta a lenda que a Virxe se apareceu en 1208 a San Domingos de Guzmán nunha capela do mosteiro de Prouilhe (Francia) cun rosario nas mans, que lle aprendeu a rezalo e lle dixo que o predicase entre os homes; ademais, ofreceulle diferentes promesas referentes ao rosario. O santo ensinóullelo aos soldados liderados polo seu amigo Simón IV de Montfort antes da Batalla de Muret, cuxa vitoria sería atribuída á Virxe. Por iso, Montfort erixiu a primeira capela dedicada a esta advocación.[1]

No século XV a súa devoción decaera, polo que novamente a virxe se lle apareceu ao beato Alano da Rocha; pediulle entón que a revivise, que recollese nun libro todos os milagres levados a cabo polo rosario e recordoulle as promesas que séculos atrás fixera a san Domingos.[2]

No século XVI, San Pío V instaurou a súa data o 7 de outubro, aniversario da vitoria na Batalla de Lepanto (atribuída á virxe), denominándoa A nosa Señora das Vitorias; ademais, agregou á ladaíña da Virxe o título de Auxilio dos Cristiáns. O seu sucesor, Gregorio XIII, cambiou o nome da súa festividade ao da nosa Señora do Rosario.[2] Por mor da vitoria na batalla de Temesvár en 1716, atribuída por Clemente XI á virxe, o papa ordenou que a súa festa se celebrase pola Igrexa universal. León XIII, cuxa devoción por esta advocación fixo que fose alcumado o Papa do Rosario, escribiu unhas encíclicas referentes ao rosario, consagrou o mes de outubro ao rosario e incluíu o título de Raíña do Santísimo Rosario na ladaíña da Virxe.[2]

Tanto a Virxe de Lurdes na súa aparición de 1858 como a de Fátima en 1917 pediron aos seus aparecidos que rezasen o rosario. Gran parte dos papas do século XX foron moi devotos desta advocación, e Xoán Paulo II manifestou en 1978 que o rosario era a súa oración preferida.[3]

É a patroa das batallas, así como de moitas localidades repartidas por todo o mundo, como A Coruña e Cádiz, e da Real Academia Galega de Belas Artes.

  1. "Aparicións da Virxe María: Virxe do Rosario". Arquivado dende o orixinal o 06 de outubro de 2014. Consultado o 30 de xaneiro de 2009. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "A nosa Señora do Rosario". Arquivado dende o orixinal o 29 de xaneiro de 2009. Consultado o 30 de xaneiro de 2009. 
  3. Jesús Martí Ballester (2005). "Cántico a la Virgen del Rosario". Arquivado dende o orixinal o 02 de novembro de 2008. Consultado o 30 de xaneiro de 2009. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]