Nesodden é un concello do condado de Akershus, o seu territorio está na península que separa o propio fiorde de Oslo dun dos seus brazos, o Bunnefjorde. No sur limita co concello de Frogn.
Aproximadamente tres cuartas partes do seu territorio está constituído por bosques e pastos, o 86% da poboación habita nas áreas urbanas, o resto distribúese en pequenas aldeas e casaríos.
Xunto cos concellos de Enebakk, Frogn, Oppegård, Ski, Vestby e Ås Nesodden constitúe o distrito de Follo dentro de Akershus.
Nesodden e Oppegård formaron no pasado parte do mesmo concello ata que en 1915 Oppegård se independizou de Nesodden.
Nesodden é o límite norte en Europa da extensión do carballo, este fenómeno reflíctese nos topónimos locais de Eklund e Ekelund (eik é o noruegués para carballo)
Nesodden está aproximadamente a 45km de Oslo por estrada pero só a 7km por mar, o transbordador operado pola Nesodden–Bundefjord Dampskipsselskap tarda quince minutos en facer o traxecto desde Nesoddtangen transportando 2.400.000 pasaxeiros ó ano. A liña ata Lysaker (Bærum) transporta 200.000 viaxeiros ó ano.
As actividades tradicionais da xente de Nesodden eran a agricultura, a silvicultura e a pesca, ademais da extracción e comercio do sal , calcúlase que a produción anual no período 1895-1905 foi de 45.000 toneladas. Hoxe só o 0.6% da poboación activa traballa no sector primario, o 87% faino no sector terciario.