Natasha Lelenco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


Infotaula de personaNatasha Lelenco
Biografía
Nacemento1982 Editar o valor em Wikidata (41/42 anos)
Chișinău Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeMoldavia Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Arte e Deseño de Cluj-Napoca Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpintora Editar o valor em Wikidata

Páxina webnatashalelenco.com Editar o valor em Wikidata
Facebook: lelenconatasha Instagram: natashalelenco Editar o valor em Wikidata

Natasha Lelenco, nada en Chișinău en 1982, é unha pintora e artista contemporánea moldova baseada en Galicia desde o ano 2008. É coñecida especialmente pola súa figuración, particularmente na forma de retratos. É tamén impulsora, xunto con Tomás Lijó da Casa das Peritas, espazo de arte e galería ocasional en Mallas (San Martiño de Duio, Fisterra).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fórmase en Belas Artes en Romanía, obtendo no ano 2006 o título de Grao en Artes plásticas e decorativas pola Universidade Artes e Deseño de Cluj-Napoca. Reside en España desde o ano 2008, primeiramente en Badalona, Cataluña, para instalarse posteriormente en Galicia, desde onde desenvolve actualmente a súa traxectoria profesional.

Como fotógrafa e videocreadora, desde o 2008 realiza traballos como freelance para numerosas compañías teatrais e de espectáculos como Producións Excéntricas, Chévere, Os da Ría, Os Irmáns Lumieira, Panamesiana Teatro, Traspediante, Pistacatro Produtora de Soños, etc así como distintos festivais escénicos e audiovisuais galegos como a Mostra de Teatro de Ribadavia ou o Festival de Cine de Ourense, entre outros.

É cofundadora do colectivo Desh, no que entre os anos 2008 e 2011 realiza traballos de videocreación e VideoDJ para grupos como Animales domésticos, Why Go, Minim ou Dismal entre outros, participando nas primeiras edicións do Festival Arteficial de Ribadavia e actuando en numerosos festivais en España e Europa.

Como artista visual máis centrada na fotografía a súa obra forma parte do Festival Outono Fotográfico, nas súas edicións dos anos 2008, 2009, 2011 e 2013. Este ano expón a súa primeira serie, titulada "Pamantesti", na sala Mitte de Barcelona, que posteriormente será exposta tamén en Santiago de Compostela, no Museo Etnolóxico de Ribadavia e, a través dunha instalación flotante, na lagoa da Universidade do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.

No ano 2015 presenta unha exposición no Faro de Fisterra que, baixo o título "Fin da Terra, Costa da Morte", compendia unha pequena colección de postais inspiradas na tradición oral da Costa da Morte e que dá título ao libro homónimo autoeditado baixo a marca Casa das Peritas, Editora Agrimensora.

A partir do ano 2016 a súa adicación vaise centrando cada vez con máis intensidade na pintura, normalmente a través da elaboración de series cunha forte compoñente narrativa e nas que adoita traballar sobre aspectos relacionados coas ideas de valor, a autoimaxe ou o efémero, entre outros. Nese ano, e cunha xira expositiva que a leva por varias cidades galegas, presenta a exposición "Adopta un Señor Importante", proxecto artístico no que a artista se propón unha campaña de adopción dunha serie de 45 retratos elaborados sobre tondos de madeira cunha sorprendente proposta final: a queima nun lume de San Xoán dos exemplares non adquiridos. O proxecto, que desperta unha considerable atención dos medios, remata no San Xoán de 2017 cunha acción na que a artista se desfai dos 9 exemplares non adquiridos ao longo do proceso, e culmina coa edición do Gran Libro dos Señores Importes, autoeditado tamén baixo o selo Casa das Peritas, Editora Agrimensora.

No ano 2017 elabora unha serie de pezas que baixo o título "Arredor da Familia" toma como punto de partida a iconografía postbizantina e cuxas pezas, non exentas de humor, revisan o papel da familia tradicional. A partir deste ano a súa obra é exposta regularmente en feiras de arte e en festivais e exposicións nacionais e internacionais, formando parte do catálogo de artistas de galerías como a austríaca Returnonart ou a Galería Heike Ardnt de Berlín e sendo parte esencial das montaxes expositivas da Galería La Doce nas edicións 2018 e 2019 de Hybrid Art Fair Madrid e Just LX Lisboa 2019.

Coa serie Moedas de Cambio participará na Just Lx Lisboa 2019 e na I Bienal de Tijuana do 2022 e é convidada tamén a expor nas edicións de Nordart 2019 e 2021 en Büdelsdorf, Alemaña e nos festivais FreshLegs 2022 e 2023 en Berlín e Scout 2022 en Kettinge, Dinamarca.

Na serie “Fetiches” elabora un traballo de recuperación de elementos iconográficos da súa infancia nos últimos anos da Moldavia soviética para elaborar unha sorte de tese sobre a imaxe popular e a memoria.

No ano 2022 recibe o premio residencia Ras de Terra e Just Madrid 22 e participa na edición da feira coa instalación "Transhumancia" realizada na residencia en colaboración cos outros artistas premiados e baixo a dirección de Mónica Sánchez Robles,

Notas[editar | editar a fonte]