Na defensa dos animais

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Na defensa dos animais
Autor/aÓscar Horta
LinguaGalego
EditorialAxóuxere Editora
Data de pub.2019
Páxinas308
ISBN978-8-49-485530-6
editar datos en Wikidata ]

Na defensa dos animais é un libro de Óscar Horta, filósofo moral da Universidade de Santiago de Compostela e fundador da organización Ética Animal. O libro foi publicado pola editorial Axóuxere no ano 2019. No libro, Horta examina diversos temas no campo da ética animal, como o especismo, a sintiencia, o sufrimento dos animais salvaxes, o veganismo e o longopracismo.

Resumo[editar | editar a fonte]

Horta comeza o capítulo un examinando que é o especismo e por que é unha discriminación inxustificada. Afirma que ningunha das defensas da idea de que os intereses dos animais non humanos terían que contar menos que os intereses dos seres humanos funcionan. Seguidamente, no capítulo dous, Horta define o concepto de sintiencia, argumentando que a posesión desta capacidade tería que ser o que determinase que un individuo deba ser moralmente considerado ou non, e examina a evidencia dispoñíbel a favor de que os animais non humanos son sentintes.

Tras isto, no capítulo tres, Horta describe con moito detalle a terríbel situación que padecen a maioría de animais non humanos explotados polos seres humanos. Despois, presenta varios argumentos nos capítulos catro e cinco cos que conclúe que non deberiamos utilizar aos animais non humanos e que é posíbel ter unha vida boa sen comelos ou explotalos doutros xeitos.

Nos capítulos finais, Horta examina como podemos axudar a mellorar a situación dos animais non humanos, especialmente aqueles que viven no mundo salvaxe e aqueles que existirán no futuro. Exemplos inclúen: doar a organizacións benéficas eficaces, axudar ou rescatar a aqueles animais non humanos que viven no mundo salvaxe sempre que poidamos, ou efectuar cambios significativos e duradeiros nas actitudes que o público xeral ten cara aos animais non humanos.

Recepción[editar | editar a fonte]

Existen diversas recensións do libro en revistas académicas, tanto en inglés como en castelán. Nunha recensión en inglés, Peter Sandøe afirma que quen decida ler o libro "será capaz de entreterse e aprender examinando os argumentos sinxelos, pero desafiantes, maiormente baseados en experimentos mentais, que Horta presenta no libro".[1] O libro foi tamén recibido positivamente en varias recensións en castelán. Guillermo Lariguet afirma que o libro está "moi ben escrito, é claro, preciso e profundo".[2] Fernando Luna Hernández considera que "presenta a cuestión da sintiencia animal dun xeito moi sinxelo, serio e instrutivo".[3] Brenda Yesenia Olalde Vázquez afirma que "explica de xeito claro conceptos como a sintiencia e o veganismo" e que Horta convídanos a reflexionar sobre como podemos mellorar a situación dos animais "que existen no presente", así como a "das xeracións futuras de animais non humanos".[4]

O libro tamén foi recibido positivamente por Paola Cavalieri, Peter Singer, Alexandra Navarro, Steve Sapontzis, Lu Shegay, Angela Martin, Adewale O. Owoseni, Kyle Johannsen, Jens Tuider, Núria Almirón, Bob Fischer, Steven P. McCulloch e Jeanette Rowley. Cavalieri describe o libro como "unha poderosa chamada a un cambio radical nas nosas actitudes cara os animais, e no xeito no que os tratamos".[5] Singer considera que é un libro "inspirador e ideal para recomendar a quen está a comezar no camiño da liberación animal, ou a quen aínda non coñece o tema e desexa examinalo", dado que " está escrito de forma sinxela e fácil de entender" e "proporciona argumentos sinxelos e convincentes para a defensa dos animais, analizando todas as aproximacións posíbeis á cuestión".[5]

Referencias[editar | editar a fonte]

  1. Sandoe, Peter (2023). "Making a stand for animals". Animal Welfare (en inglés) 32: e55. ISSN 0962-7286. doi:10.1017/awf.2023.75. Consultado o free. 
  2. Lariguet, Guillermo (2019). "Oscar Horta (2017), Un paso adelante en defensa de los animales". EUNOMÍA. Revista en Cultura de la Legalidad (en castelán): 382–390. ISSN 2253-6655. doi:10.20318/eunomia.2019.4715. Consultado o free. 
  3. Luna Hernández, Fernando (2018). ""Reseña de: Oscar Horta. Un paso adelante en la defensa de los animales"". Dilemata: 157–161. ISSN 1989-7022. 
  4. Olalde Vázquez, Brenda Yesenia (2018). "Oscar Horta. Un paso adelante en defensa de los animales - Plaza y Valdés Ed. (España 2017) 234 p.". Derecho Animal: Forum of Animal Law Studies. 9: 196–200. ISSN 2462-7518. 
  5. 5,0 5,1 "Making a Stand for Animals". Consultado o 1/13/2024.