Museo do Precinema
O Museo do Precinema (en italiano Museo del Precinema) é un museo sobre a historia da precinematografía, situado en Prato della Valle, Padua, Italia. Foi creado en 1998 para acoller a colección Minici Zotti, en colaboración co concello de Padua.
Sede do museo
[editar | editar a fonte]A sede do museo atópase no último andar do Palacio Angeli, construído a finais do século XV. No século XVIII o palacio foi a residencia de Andrea Memmo, procurador de San Marco, quen foi o benefactor da cidade de Padua e responsábel da transformación dun enorme escampado no que hoxe en día se coñece como Prato della Valle, a maior praza monumental de Italia e segunda de Europa. A mediados do XVIII a través dos ventais deste palacio e coa axuda dunha cámara escura Giovanni Antonio Canal, máis coñecido como Canaletto, deseñou a panorámica que hoxe en día é a delicia de quen visita esta cidade.
A colección Minici Zotti
[editar | editar a fonte]A colección Minici Zotti é unha colección privada sobre a historia do precine pertencente á experta lanternista Laura Minici Zotti, a directora do museo. As súas representacións coa lanterna máxica son auténticos espectáculos inspirados naqueles de época vitoriana. Este antigo proxector é o tema principal da colección. Iñantes da invención do proxector cinematográfico, era usado para o entretemento e a educación do público.
A colección inclúe os cristais para a proxección coa lanterna máxica, orixinais pintados a man, e tantas outras antigas lanternas de diverso tipo e procedencia; a fantasmagórica lanterna máxica, a lanterna dobre de W. Tyler, a lanterna tripla en caoba (1880 aprox.) inventada por James Henry Steward, considerado o mellor fabricante de lanternas máxicas. A colección inclúe tamén outras antigas lanternas parellas, diversas lanternas dunha soa lente, a lanterna científica de P. Harris & Co, a lanterna americana " The Pettibone", e por último, a lanterna-cinema de Walter Gibbons.[1]
Unha adquisición particularmente rara por parte do museo foi unha lanterna máxica datada a finais de 1700, proveniente da Vila medicea de Poggio a Caiano, unha residencia estival onde residían os Lorean, Grandes Duques da Toscana.[2]
A lanterna máxica está completa coa súa caixa orixinal e os 108 cristais panorámicos orixinais que contan as historias da mitoloxía da Antiga Grecia e a historia de Roma.[3]
Están tamén expostas no museo as miras ópticas para O Novo Mundo datadas no século XVIII; un megaletoscopio de 1864 ideado por Carlo Ponti, un fotógrafo suízo; unha sección adicada á estereoscopía e á técnica do anaglifo e antigas máquinas fotográficas, unha cámara escura; xogos ópticos como o zoetropio, o praxinoscopio, o taumátropo e o fenaquistoscopio que pertencen á historia da animación.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Sitio web do Museo do Precinema. Arquivado 15 de decembro de 2009 en Wayback Machine..
- ↑ Mannoni, Laurent, and Pesenti Campagnoni, Doada. The Magic Lantern and Painted Film: 400 Years of Cinema. Catálogo para a mostra, La Cinémathèque française (Editions de La Martinière, une marque de La Martinière Groupe, París/La Cinémathèque française, 2009) pp. 82, 85.
- ↑ Cavaliere, Lucia. 'El fondo de los cristales de proyección del siglo XVIII', Mágicas visiones antes del cine: La Colección Minici Zotti, a cargo de Carlo Alberto Zotti Minici (El polígrafo, 2001) pp. 159 e 161.