Saltar ao contido

Mosteiro de Vilanova de Ozcos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mosteiro de Vilanova de Ozcos
Vilanova de Ozcos Editar o valor en Wikidata
 Estilo
Datas
 Disolución / destrución
1835 Editar o valor en Wikidata
Localización
 Situado en
Patrimonio cultural
Ben de Interese Cultural de España
Data3 de outubro de 1991
IdentificadorRI-51-0007138
Wikidata C:Commons
Fachada do mosteiro

O mosteiro de Santa María de Vilanova de Ozcos é unha antiga abadía, beneditina primeiro e logo cisterciense, situada en Vilanova de Ozcos, na Terra Eo-Navia de Asturias.

Fundación

[editar | editar a fonte]

O mosteiro fundárono en 1137 monxes beneditinos, por iniciativa do rei galego Afonso VII. Ao primeiro as súas prácticas foron de tendencia eremítica, pero rapidamente, o mosteiro estruturouse e deuse unha regra, para se situar na liña beneditina do mosteiro de Carracedo, entón denominado San Salvador de Carracedo [1] .

Mudanza da regra

[editar | editar a fonte]

En 1203, os monxes de Carracedo optaron por se incorporaren á orde do Císter, que respectaba máis estritamente a norma beneditina, e era moi popular na época e así pasou a se denominar Santa María de Carracedo; os monxes de Vilanova de Ozcos seguiron o movemento, que o papa Inocencio III aprobara por unha bula [1] .

O mosteiro románico desenvolveuse rapidamente, enriqueceuse e recibiu moitos agasallos e privilexios. Paralelamente, co paso do tempo, a norma foise flexibilizando e tolerábanse incumprimentos na aplicación da regra monástica, o que provocou tensións coa abadía nai de Carracedo. Estas fallas de conduta aumentaron ao longo do século XV ata 1511. O mosteiro estaba materialmente empobrecido, pero a partir de entón recobrou parte do prestixio espiritual perdido. Nos séculos XVI e XVII reconstruíuse pouco a pouco e durante a Guerra da Independencia española, cando xa estaba en decadencia, utilizouse como hospital [1] .

A desamortización de Mendizábal expulsou os monxes e pechou a abadía en 1835. Os edificios do convento quedaron co tempo en ruínas, mentres que a igrexa abacial, transformada en igrexa parroquial, permaneceu ata hoxe [1].

Cartulario

[editar | editar a fonte]

O cartulario do mosteiro preserva 616 pergameos da Idade Media: 32 do século XII, 261 do século XIII, 224 do século XIV e 99 do século XV.[2]. O texto dos pergameos está en latín nos máis antigos e a partir de mediados do século XIII aparece o galego que foi o único romance que se empregou ata que a mediados do XIV comezaron a aparecer textos en castelán, cada volta con maior profusión e que acabou por desprazar totalmente ao galego[3].

Protección

[editar | editar a fonte]

A abadía está catalogada en España como ben de interese cultural dende o 3 de outubro de 1991 [4].

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Monasterio de Santa María de Villanueva de Oscos". monastirs.cat. .
  2. Alvárez Castrillón, José Antonio (2011). Colección Diplomática del Monasterio de Santa María de Villanueva de Oscos. Ridea. p. 33. 
  3. Fernández Acevedo, Suso (2008). A herdade que nós temos. Historia e escolma da prosa en galego do Eo-Navia. Universidade de Vigo. p. 18. 
  4. "Monasterio de Santa María de Villanueva de Oscos RI-51-0007138". Bcultura y deporte.gob.es. [Ligazón morta]